Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Devoción polo xefe do exército de Deus

Oleiros festexa ao San Miguel, patrón de trece freguesías dezás, e ao San Claudio

Devoción polo xefe do exército de Deus

Trece parroquias da comarca de Deza teñen por patrón o San Miguel Arcanxo e, tendo tanto onde escoller, este ano inclinámonos pola celebración de Oleiros en terras de Silleda, onde ademais da festa honrando ao "gran xefe dos exércitos de Deus en loita contra o mal", celebran tamén o San Claudio ou San Clodio, unha advocación insólita nestas terras da Galicia central, na que se expón a súa reliquia, consistente nun oso da man dereita do santo mártir a que unha bula concedida polo Bispo de Lugo Frei Gregorio Mª Aguirre en 1886, outorga corenta días de indulxencia aos devotos que recen un Padrenuestro diante dela no día da súa festa. O San Clodio, segundo crenza popular, é avogoso para curar as enfermidades dos cativos.

Nas dúas xornadas da pasada fin de semana houbo misas solemnes con procesión, co acompañamento musical dos grupos de gaitas Repenicando e Os Trasnos de Doade, que tamén correron coas alboradas polos lugares da parroquia e as sesións vermú. Para as verbenas, que tiveron lugar no cativo campo da festa contrataron ao trío 3.COM o sábado e ao grupo Kien lo diría o domingo.

Interesante tímpano

A igrexa de Oleiros foi ampliada a finais do século XIX (1883), logo de que xa fora refeita e reformada anteriormente, pero conserva da fábrica románica a portada e un tímpano coa pugna de Sansón e o león, similar aos de Taboada (Silleda) e Palmou (Lalín). O templo conserva no exterior os restos dunha ventá románica reutilizada ao facer un dos muros e tamén un dos canzorros da colección que debeu ter a primitiva baixo a sopena do tellado, mentres a ben labrada pía bautismal da antiga igrexa foi parar ao xardín do pazo da Marza.

Ademais do relicario do San Claudio, tamén é de mérito a cruz procesional, finamente labrada e varias imaxes, coma a do San Roque, a do San Miguel con lanza e dragón, a do referido San Claudio e a da Inmaculada que acompaña aos anteriores nas súas procesións e que, xunto a outras máis recentes, están colocadas no altar principal, neoclásico, que foi feito cando a ampliación da igrexa a finais do XIX. Máis interesante é o retablo lateral barroco dedicado o San Antonio e imaxe deste santo milagreiro que aquí ten moita devoción e ofertas de esmolas e exvotos.

No adro e o redor da igrexa hai varias cruces sen imaxes que deberon pertencer a un vía crucis do século XVI e unha lápida sepulcral cunha imaxe xacente que semella dunha muller, quizais unha monxa do século XVI ou posterior, malia que a tradición oral di que pertence a Xan das Petadas, un rico veciño da parroquia que diste xeito quixo perpetuar a súa memoria.

Presume de tres castros

A parroquia de Oleiros é a única na comarca e poida que en Galicia que pode presumir de ter tres castros, localizados entre o cumio do monte Chamor e as ribeiras Deza: Montaz, As Orelas e A Devesa. Terras repletas de petróglifos e mámoas aos que temos dedicado algunhas reportaxes o mesmo ca o pazo da Marza da familia do insigne de Francisco J. Sánchez Cantón. Tamén merece mención a Casa de Valladares en Casanova, abaixo da igrexa parroquial, así coma un par de casas señoriais nas inmediacións, unha delas en restauración con antigos relevos de rostros humanos nas mochetas da porta principal. En A Laxe fica en ruínas un vello casal que mostra no lintel da porta principal a data de 1720 e o escudo dos frades de Aciveiro, que aquí cobraban as rendas aos labregos dos contornos.

Ben comunicada por antigos camiños que atravesaban amplas carballeiras, Oleiros foi calzada, camiño real e parada e fonda de arrieiros e feirantes. Conserva pontellas, muíños, cruceiros, fontes, hórreos e outras mostras da arquitectura popular, xunto a fermosos paisaxes que a concentración parcelaria que se aveciña deberá respectar.

Compartir el artículo

stats