A Consellería de Medio Ambiente declarará a próxima semana a emerxencia cinexética por presenza de xabarís en 33 municipios de catro áreas galegas -Deza, Betanzos-Eume, Viana e Terra Chá-, de modo que nos terreos destinados á caza poderase desenvolver esta actividade todos os días da semana até o 29 de febreiro de 2020. A decisión está amparada polo regulamento de caza de 2001, que prevé a declaración de "emerxencia cinexética temporal" nunha comarca na que exista unha especie que resulte perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería, os montes ou a propia caza. Así o anunciou onte a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, nunha comparecencia en Santiago sobre o plan de medidas de control da especie.

En concreto, a medida permanecerá vixente nos seis concellos da bisbarra dezá (Dozón, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces), así coma en catorce da provincia da Coruña (Aranga, Betanzos, Cabanas, A Capela, Coirós, Curtis, Irixoa, Monfero, Miño, Oza-Cesuras, As Pontes, Paderne, Vilasantar e Vilarmaior), nove de Lugo (Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Xermade, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Vilalba) e catro de Ourense (A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso). Neste amplo territorio existen 76 tecores -terreos cinexéticamente ordenados- e dez zonas libres, é dicir, case un 42% da superficie de Galicia, que representa un total de 481.170 hectáreas.

A caza de xabarís de ambos os sexos estará permitida sen límites de cupo todos os días da semana nos terreos cinexéticos destes 33 municipios. Nas zonas libres haberá algunhas excepcións, de xeito que ata o 6 de xaneiro de 2020 so se poderá cazar luns, martes, mércores, venres e sábados, mentres que do 7 de xaneiro ao 29 de febreiro poderá facerse os mesmos días da semana agás os sábados, sempre sen contar festivos. En calquera caso, o responsable do Tecor deberá realizar unha comunicación previa á xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente cunha antelación mínima de dez días; so deberán informar das cacerías relativas a aquelas xornadas que non estean aprobadas no seu plan anual de aproveitamento da temporada 2019/20.

Axilizar axudas

A Xunta toma esta decisión tendo en conta os datos que reflicten unha sobrepresenza de porco bravo na comunidade, pois ata a data téñense comunicado 3.907 avisos (a través do 112) por danos desta especie; abatéronse 16.108 exemplares -dentro da temporada hábil e derivadas de accións por danos-; autorizáronse 31.724 cacerías; e provocaron 1.805 accidentes de circulación, segundo as cifras reportadas pola Dirección Xeral de Tráfico a principios de setembro.

Na mesma liña, medran sen parar nos últimos tempos as cifras de propietarios agrarios que solicitan axudas por danos. Tanto é así que a propia Do Campo admitiu que se "desbordan", polo que a "vontade" de Medio Ambiente é a de "axilizar" o proceso para que as cobren canto antes.