Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pablo Nogueira Campo: "A obra xurdiu dunha historia que coñecín sobre a época de John Lennon en Almería"

"Animeime a participar no concurso grazas á boa acollida que tivo o meu anterior conto"

Pablo Nogueira, cunha obra súa anterior.

A cuarta edición do concurso Balbino de relatos xa coñece ao seu ganador. Pablo Nogueira Campo, nado en Carballiño, recibiu o primeiro premio pola súa obra Banda Sonora Orixinal. O xurado composto por Carlos Loureiro, Xosé Manuel Lobato, Rosalía Morlán, Aramando Requeixo e Ánxela Gracián destacou a "calidade e eficiencia da súa escrita". Este concurso naceu coa finalidade de promocionar a literatura, a lingua e aos escritores de Galicia, que conta, entre outros, coa colaboración do Concello de Vila de Cruces.

-Cal é a temática da obra 'Banda Sonora Orixinal?

-A obra xurdiu dunha historia que coñecín sobre a época na que John Lennon estivo en Almería. Momento no que había unha especie de plató xigante onde se rodaban as películas do Oeste. Lennon foi a rodar alí un filme, aínda que non tivo moito éxito. A partir de aí fun fiando unha historia da rodaxe dunha película dos espaguete wéstern na que participaban varios personaxes. O protagonista chega dende Galicia ata alí para poñerlle a banda sonora a un deses filmes e nese contexto vaise desenvolvendo a trama, a modo de novela negra.

-Cales foron os motivos polos que decidiu presentarse a este concurso?

-Anteriormente xa realizara dúas publicacións infantís e como tamén son afeccionado á música decidín unir ambas artes. Sobre todo animeime a participar grazas á boa acollida que tivo o meu anterior conto Nube Branca quere ser astronauta. Ter unha recepción positiva por parte da xente fixo que experimentase novos terreos literarios xa que esta novela vai dirixida a un público máis amplo. A verdade é que me divertín bastante realizando esta obra porque, aínda que xa tiña pensada a idea inicial, non sabía como desenvolvelo. Era como se estivese nunha película porque non sabía o que ía pasar.

-Canto tempo lle dedicou á escritura de 'Banda Sonora Orixinal?

-Non o sei fixo penso que arredor de dous meses, non foi demasiado tempo porque a novela é curta, unhas 90 páxinas. Cada día dedicáballe unha hora ou hora e media aínda que non o facía con continuidade. Non só é escribir senón tamén repasar os capítulos anteriores e revisar a ortografía. Para min isto foi como un pasatempo, ademais a obra non é moi densa e conta cunha linguaxe sinxela.

-Como recibiu a noticia de que era o ganador desta cuarta edición?

-Pois con moita sorpresa xa que non o esperaba para nada. Tardei bastante en asimilalo porque eu vira por internet os parámetros do concurso e dinme conta de que a miña obra encaixaba. Ademais foi unha gran satisfacción escoitar as palabras que me dedicaron os membros do xurado, xa que foron moi afectuosas e moi motivantes para min. Estas son cousas que me animan a seguir escribindo aínda que o tempo do que dispoño non me permita dedicarlle o suficiente.

-Este libro será publicado por Edicións Fervenza. Sabe en que data se dará a coñecer?

-Agora mesmo estamos coas correccións e traballando sobre a portada e o prólogo. Estímase que dentro dun mes se publicará, a finais de outubro. A entrega do premio será no Carballiño porque son dalí. Para min que se vaia publicar a miña obra xa é un premio e aínda máis se a editorial que o vai facer é tan importante como Edicións Fervenza.

-Sabe xa en que vai empregar o premio de 1.500 euros?

-Non o teño claro pero supoño que o empregarei para facer unha viaxe. Como non contaba con este premio pilloume un pouco de sorpresa pero ao final sempre hai onde gastalos. De momento voume centrar en promocionar e facer as presentacións das miñas obras.

-Dende pequeno xa tiña unha predilección pola escritura?

-De cativo xa me gustaba ler cómics e bandas deseñadas. A literatura sempre foi unha elección para min, xunto coa música e é algo que se percibe na miña obra.

Compartir el artículo

stats