Dende pequeno sempre mostrou paixón polos videoxogos, polo que o seu oficio ideal sería ser crítico deste entretemento ou de películas, e poder aconsellar aos demais. Cunha media superior a un nove, Juan Manuel Pérez Pedrouzo recibiu o galardón á Excelencia Académica polas notas acadadas durante o seu primeiro ano do dobre grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual. Aínda que a súa primeira opción sempre fora estudar Dereito, cambiou de opinión cando a actual conselleira de Educación, Carmen Pomar, lle recomendou estudar esta carreira.

Para este lalinense foi unha sorpresa recibir un premio no que se tivesen en conta os seus estudos universitarios. Con todo, non era a primeira vez que gañaba un galardón destas características. "Cando me enterei que ía recibir este recoñecemento púxenme moi contento porque pensei que por fin se valoraba o meu traballo", afirma Pérez. Fai tres anos, ao rematar bacharelato no IES Laxeiro, a Consellería de Educación tamén lle entregara un diploma polo mellor expediente. Para Pérez, iniciativas como esta son moi necesarias xa que "che axuda a continuar e a seguir mellorando para poder repetir ao ano seguinte". O apoio da súa familia e as súas ganas por conseguir as mellores notas foron a mestura idónea para converterse no estudante que é hoxe en día. "Sempre me esforcei e valorei moito os meus estudos", asegura.

En canto ao donativo de 1.000 euros, Pérez decidiuno gastar antes de tempo para comprar unha cámara, necesaria para unha materia da carreira. "Aínda me queda algo de diñeiro pero a maioría gasteino nunha cámara", asegura este lalinense. De momento, non sabe se o próximo ano volverá a gañar este galardón xa que "foime moi ben aínda que creo que obtiven algunhas décimas menos". Polo que terá que esperar ata comezos do próximo ano para saber se volverá estar entre a excelencia do estudantado galego.