Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Donramiro, un castro con rasgos singulares

Nos arredores hai restos de ocupación humana do Neolítico, polo que non sería estrano que se levantara sobre unha mámoa

Conxunto castrexo en imaxe tridimensional.

Pódese dicir, con certas reservas, que os castros da provincia lucense (na división romana) son de menor tamaño ca os castros de provincia bracarense, sen entrar en detalles. Pois ben, aínda que a maioría dos castros da provincia lucense ocupen, en canto a espacio edificado e, polo tanto, protexido polos típicos sistemas defensivos castrexos, arredor dunha héctarea (10.000 metros cadrados), hai moitos que sobrepasan amplamente esa superficie e o de Donramiro é un deles.

Os aspectos máis salientables deste xacemento lalinense son os seguintes:

1 | Localízase nunha zona aplanada, que corresponde ao nivel medio da Superficie Fundamental de Galicia, tamén denominada Superficie Básica de Chantada-Lalín, unha denominación que fai referencia á existencia de diferentes niveis de altura do solar galego, formados como consecuencia de procesos oroxénicos, tectónicos e ciclos erosivos. E todo iso tamén quere dicir que a súa altura, 595 metros sobre o nivel do mar, corresponde co nivel medio de Galicia no seu conxunto territorial.

2 | Ocupa a parte alta dunha lomba que separa pequenas concas hidrográficas tributarias do río Asneiro ou Dozón. O trazado da lomba na que se localiza o castro de Donramiro parte da cima do Monte Costado a 745 metros de altura, na divisoria hidrográfica dos dous máis importantes ríos da comarca, Arnego e Deza, e vai descendendo en altura a medida que avanza cara o Oeste, ata chegar ao río Asneiro, que transita a 410 metros de altura cando se encaixa no relevo aplanado da Superficie Fundamental de Galicia. Cabe resaltar algunhas cotas referenciais intermedias entre os dous extremos da referida lomba: O Coto, a 683 metros, e A Romea, a 563.

3 | Os materiais xeolóxicos que forman o sustrato rochoso do castro e sobre o que se forman os clásicos "solos pardos eutróficos", está formado por alternancia de anfibolitas e paragneis que seguen unha dirección de SO-NL. Os paragneis foron empregados polos habitantes do castro para construir os paramentos dos terrapléns e as vivendas do poboado, mentres que as anfibolitas, que son rochas de maior dureza, empregáronse para diversos utensilios líticos (machados, aixadas, afiadores...). As anfibolitas alteradas, na forma de barro, foron utilizadas para a fabricación de tellas e cerámicas diversas.

4 | Estruturas castrexas. A súa disposición adaptouse á topografía do terreo, acotando o recinto polo lado Oeste, no que se forma unha valgada, o val de Cal da Lama, con aumento das pendentes, mentres que, polo lado Leste, expandiron o espazo habitacional por medio de dous antecastros a que se extenden a través da chaira do Agro do Castro. A disposición dos terrapléns adáptase perfectamente á topografía e, no seu conxunto, configuran un espazo castrexo formado por recintos amplos. Todo o recinto castrexo mide unha superficie de 3,75 hectáreas (Ha), correspondendo á croa 1,13, ao primeiro antecastro 1,51 e 1,1 ao segundo ou antecastro externo. A altura dos terrapléns vén condicionada pola inclinación do terreo, sendo máis elevados nas zonas de maior pendente e menores nas de menos. A razón disto foi a de obter espazos habitacionais de gran planitude: a zona chaira para as vivendas castrexas e as pendentes para as estructuras defensivas do poboado.

5 | Hai restos de ocupación humana anteriores á Cultura Castrexa, do Neolítico, nos arredores do xacemento. Seguindo a liña divisoria das concas fluviais Cabirtas ao Norte e Quintela-Murazón-Portos ao Sur, na que se localiza o castro de Donramiro, houbo varios túmulos, a maioría deles destruídos, que, nalgún caso chegaron a formar unha pequena necrópole, como foi o caso da necrópole de Sete Camiños, un sitio ocupado na actualidade polo campo de fútbol municipal. (Manuel Anxo Cortizo). Debemos ter en conta que as mámoas do megalitismo nada teñen que ver coa Cultura Castrexa, pero a súa presenza ocupando o mesmo espazo ca un castro, indícanos que aí houbo unha longa continuidade ocupacional que durou miles de anos e que chegou ata os nosos tempos. Non sería nada estrano que o propio castro de Donramiro se levantara no seu lugar de emprazamento logo de arrasar algunha mámoa anterior, porque o túmulo denominado Coto da Mámoa de Feás debía estar rodeado por mámoas cercanas que formarían algunha necropole similar á de Sete Camiños.

6 | Usos do solo. A distribución tradicional dos usos do solo na contorna do castro segue un modelo antigo, un modelo que se mantivo activo desde os tempos de ocupación dos recintos castrexos. Polo lado Leste ou Nacente, atópase o Agro do Castro, un espazo que se adicou a actividades agrícolas, por causa das excelentes condicións do solo e por ser un terreo facilmente laborable. Esta foi a zona de expansión dos recintos castrexos. Polo Oeste ou Poñente domina a actividade forestal, formada por carballeiras, que deberon manter ese tipo de a vexetación durante máis de dous milenios.

7 | Os restos arqueolóxicos atopados corresponden, basicamente, a utensilios da vida doméstica: anacos de olas de barro, seguramente de fabricación propia ou feitas nun centro productor cercano; muíños circulares e planos de granito; pesas de pedra furadas para estirar os fíos nos telares; anacos multiformes de barro sen cocer, que foi empregado para revestir as cabanas feitas con varas entrelazadas como se foran cestos (revestimento das vivendas para que non deixaran entrar o frío exterior nin escapar a calor interna); cerámicas decoradas con motivos simples; anacos de escouras de ferro que evidencian a existencia dalgunha ferrería no castro; etc. En canto á existencia de restos de vivendas, contamos con referencias de veciños que traballaron en fincas da croa e do antecastro, que afirman que teñen atopado restos de paredes de casas de forma circular.

8 | Rede de camiños. O castro está situado nun espazo xeográfico que se caracteriza por presentar unha densidade de castros moi elevada, seguramente que unha das máis altas de Galicia e iso supón que debía existir unha rede de camiños bastante complexa que uniría uns asentamentos con outros. Na actualidade resulta imposible coñecer como foron as vías de comunicación castrexas pero, se temos en conta os vellos camiños que pasaban cerca do castro, que aparecen marcados por primeira vez no Mapa do Reino da Galicia (1784) de Tomás López, pronto nos decatamos que aquí entrecruzábanse dous eixes de cumunicación, os que sempre determinaron a gran centralidade de Lalín: Un Norte-Sur, que viña desde O Ribeiro, e outro Leste-Oeste, que chegaba a Santiago de Compostela.

9 | Gran dominio visual. Outro aspecto a ter en conta era o gran dominio visual que se dominaba desde a croa. En condicións óptimas, unhas condicións que se mantiveron ata a década dos anos 1960, cando a contorna do castro estaba despexada por causa dos cultivos agrícolas, podían visualizarse arredor de trece castros, sete de Lalín e seis de Silleda. Os castros visibles máis cercanos eran os de Xaxán, Filgueira e Catasós, mentres que os máis alonxados eran os de Pena Negra, Cartimil e Cortegada.

10 | Bosque caducifolio atlántico. Pola súa altitude (595 metros), este castro estaba dentro do dominio do bosque caducifolio atlántico, formado por unha comunidade de árbores de gran porte: carballos, castiñeiros, bidueiros, abelairas, freixos, tilos, etc. Este bosque, na época da Cultura Castrexa, debía cubrir gran parte da comarca, desde o piso inferior situado na desembocadura do río Deza (80 metros) ata alturas de 900 metros (Serra do Candán, Montes do Testeiro, Pena de Francia, Serra do Faro e Farelo). No medio deste manto verde arbóreo destacarían, a modo de calveiros, os castros e as súas terras de cultivo, que se asemellarían a illas no medio dun vasto océano vexetal. O castro de Donramiro estaba no medio deste gran dominio e desde a súa croa os habitantes deste asentamento poderían contemplar a enorme extensión que tiveron daquela os nosos inmensos bosques.

11 | O clima dominante naquela época era o temperado oceánico, parecido ao actual, aínda que atravesaba un período cálido que foi denominado polos climatólogos como "período cálido romano". As temperaturas medias debían ser máis altas cas actuais e as precipitacións estaban marcadas por episodios de carácter torrencial, como ben se puido constatar nas escavacións realizadas no ano 2008 no Castriño de Bendoiro.

12 | A fauna existente durante a fase de ocupación dos castros era parecida á que houbo ata mediados do século XX. A fauna salvaxe estaba formada por herbívoros (cabras salvaxes, cervos, etc.), omnívoros (xabaríns, osos, teixugos...), carnívoros (lobos, lince eurosiberiano, raposos...); entre os animais domésticos figuraban porcos, cabras, ovellas, cans, equinos, gatos, vacunos... O castro de Donramiro gozaba dunha posición privilexiada, contaba con abundantes recursos faunísticos e, tendo en conta o seu tamaño, estructuras e espazo ocupado debeu ser un dos castros de maior potencial na zona.

13 | O patrimonio inmaterial que apareceu moito despois, como resultado de mitificar acontecementos históricos descoñecidos, non esconde elementos diferenciais que o singularicen respecto de outros castros, pero cabe destacar algunhas lendas que fan referencia a existencia dun mundo subterráneo no que vivían ocultos, debaixo da croa castrexa, os mouros. Este é o caso dunha lenda que me ten contado un familar, nacido en 1902 e veciño de Botos: "Contan que hai veces nas que poñendo o oído pegado á terra, no medio da croa do Castro de Donramiro, téñense escoitado, sobre todo durante a noite, conversas que prodecían das fonduras. Nunha ocasión puideron escoitar: 'María!, recolle a roupa que vai chover' e, outras veces, conversas diferentes".

Compartir el artículo

stats