A loita contra a impunidade e a reivindicación das ideas vixentes antes do golpe de estado de 1936 serán os eixos da programación e das actividades que a área de Memoria Histórica da Deputación desenvolverá neste mandato. Así llo trasladou a deputada María Ortega aos representantes de vinte entidades de memoria nunha primeira toma de contacto, que tivo lugar o xoves pola noite en Pontevedra. Entre os colectivos representados están o dezao Sinhor Afranio, A.C. Vagalume, de A Estrada, e Capitán Gosende, de Cerdedo-Cotobade.

A responsable nacionalista sinalou a importancia de tecer unha rede de coñecemento e colaboración na que os colectivos e a administración provincial manteñan un feedback constante que permita desenvolver un proxecto plurianual con actividades propias de difusión, divulgación e homenaxe, tendo en conta o trinomio "memoria, xustiza e reparación". Ortega destacou a importancia de dar pulo non só á investigación e difusión das vítimas dente a parte humana e do drama persoal, senón tamén a sacar peito dun modelo de sociedade e de país que quedou truncado co alzamento fascista. "Hai que sacar peito desa sociedade que querían crear. Co golpe mataron un modelo adiantado de país e hai que reivindicar esas ideas tanto dende unha perspectiva de xénero como de clase, porque son o xerme do que somos hoxe e vislumbran o que poderiamos ter sido", dixo. A deputada de Memoria tamén incidiu no compromiso da Deputación na loita contra a impunidade e adiantou que nese sentido centraranse, entre outros, os actos institucionais vencellados ao vindeiro 12 de novembro.

Pola súa banda, representantes dos colectivos celebraron a iniciativa da reunión e subliñaron a importancia de traballar dirixíndose á xente moza por medio dos currículos escolares, algo que a propia deputada considera fundamental e ten previsto tratar no seu plan de actividades. No encontro tamén se puxeron de manifesto as dificultades que atopan as asociacións do movemento memorialista para o desenvolvemento das súas actividades e as súas necesidades.