Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Bendoiro honra a tres santos á vez

Santo Antonio, San Roque e a Virxe dos Remedios protagonizan os actos festivos na igrexa desta parroquia lalinense, que garda sepulcros fidalgos dos Taboada

A igrexa encheuse de fieis na misa solemne.

Aínda que o patrón da parroquia é San Miguel, os veciños de Bendoiro teñen as súas principais festas honrando a Santo Antonio e San Roque, os dous santos máis venerados na nosa comarca e poida que en Galicia, e tamén á Virxe dos Remedios, que na xornada do 8 de setembro ten numerosas celebración nas terras que van dende o Faro ao Ulla. En Bendoiro, a pasada fin de semana, ademais das misas solemnes coa participación da Coral de Botos e as procesións ata o cruceiro nas dúas xornadas, houbo pasarrúas polos lugares da parroquia, sesión vermú e verbenas, que estiveron amenizadas polo grupo de gaitas Repenicando, a charanga KM 0, o conxunto Chanel e o trío Máster.

As festas de Bendoiro, parroquia que sempre tivo unha grande tradición musical e mesmo banda de música propia a mediados do século pasado, cando contaba con 489 habitantes, un par de centos máis dos que ten agora, logo duns anos de decadencia, foron collendo novamente pulo co novo campo da festa, que aproveita un treito en desuso da estrada N-525 de Ourense a Santiago e dispón de amplo aparcamento que acolle aos veciños e os numerosos festeiros. Os actos relixiosos, moi concorridos, encheron de fieis a igrexa parroquial, unha construción relativamente nova feita hai menos de dous séculos nun alteiro que domina a parroquia e as terras de Deza deica a Serra do Candán.

O templo debeu ser romanice nos seus orixes, xa que conserva unha ben labrada pía baustimal desa época, á que se engadiu unha capela renacentista para enterramentos dos Taboada dos pazos de Bendoiro de Abaixo e que sería ampliada no século XIX pola fronte e polo fondo, dotándoa dun erguido campanario barroco. Na capela sepulcral referida, destaca o fermoso sepulcro con estatua xacente e o escudo de armas de Gonzalo Núñez de Taboada do Pazo da Calzada, finado no ano 1745, fidalgo emparentado coa ilustre familia dos Gil Taboada. Na actualidade un vello confesionario priva en boa medida a contemplación deste sepulcro, sendo desexable que se acomode noutro lugar.

A igrexa disposta en forma de cruz latina cunha nave principal e dúas capelas laterais co retablo principal presidido pola imaxe do San Miguel, patrón da parroquia, e tamén ocupa lugar preferente o Santísimo. Na capela sepulcral dos Taboada, hai outro retablo dedicado á Virxe de Lourdes, e a outra capela lateral é da Virxe do Carme. Aparte das imaxes referidas destacan as do Santo Antonio e San Roque e da Virxe dos Remedios, que saen en procesión nas festas principais de Bendoiro.

Hai tres capelas na parroquia: a da Santa Lucía, en Vilar do Río, nunha fermosa paraxe ao abeiro dun penedal, con celebre romaría; a de Santo Antonio, no Pazo de Bendoiro, que serve para celebracións no establecemento hostaleiro que alberga dende hai anos; e unha terceira en Bendoiro de Abaixo, mesmo fronte a esta outra capela sen culto nin imaxes, pertencente ao Pazo da Calzada.

Nas proximidades da igrexa, a pé da estrada N-525, hai un ben labrado cruceiro datado a primeiros do século XX, con Cristo e a a Dolorosa; e arriba da igrexa, ao pé do antigo camiño polo que decorren as procesións, hai media ducia de cruces de pedra, algunhas que deberon formar parte dun Vía Crucis que comezaba na propia igrexa, que agardan unha axeitada restauración.

Camiños e casas señoriais

Ten unha interesante historia e amplo patrimonio esta parroquia, da que se ten publicado moito, referido aos dous camiños de peregrinación a Compostela que atravesan a comarca e aquí concorren no albergue da Laxe; as antigas e modernas vías de comunicación que a atravesan -camiños reais de O Vento, Donsión, Santiso, a Nacional 525, o Tren de Alta Velocidade, a Autoestrada AP53-; as casas fidalgas, coma as dúas referidas de Bendoiro de Abaixo, as de Senra, en Vilar do Río, con escudo, a de Pedrouzos, que foi dos Espinosa, a de Cortizo, que tivo fábrica de curtidos, a de Madriñán, co seu senlleiro exemplar de araucaria preto da igrexa, a de Torres, con hórrea singular; os dous castros e media ducia de mámoas; os hórreos senlleiros; os muíños do regato de Lamas e do de Mosqueiros, que se chimpa en fervenza enriba do Asneiro na Grifa, entre a misteriosa cova dos Mouros e a ruinosa e ponte de Castro que vai a Cristimil.

Compartir el artículo

stats