Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sete veciños fan dous días de festa en Sesto

Notas da famosa romaría dos Remedios, a fonte milagreira de San Cibrao e o castelo desta parroquia agoladesa

Sete veciños fan dous días de festa en Sesto

A romaría da Virxe dos Remedios de Sesto era famosa e concorrida deica mediados os anos cincuenta do pasado século, en que comezou a súa decadencia case na mesma medida en que a parroquia foi perdendo habitantes. Daquela Sesto - Sexto dín os veciños ao marxe da toponimía oficial- contaba con sesenta e tres almas nos dous lugares que a compoñen e hoxe non chegan a vintena. Só hai sete casas habitadas, sete veciños que fan un importante esforzo económico para seguir coa tradición festeira. Entón esta pequena parroquia celebraba festas na honra do San Ramón, a San Miguel, á Santa Cruz, á Virxe dos Remedios e ao seu patrón San Cibrao. Agora só celebran a dúas últimas xuntándoas nos días 8 e 9 de setembro e nesta ocasión tiveron tres misas rezadas o domingo e cantadas os dous días con procesión e despois sesión vermú e animada verbena cos conxuntos Nueva Era e Mar d'Arousa e o trío Manhattan, e o domingo tamén houbo xantares con pulpeiro, nunha carpa que se instaloú no campo da festa.

Á romaría dos Remedios do 8 se setembro concorrían moitos ofrecidos e festeiros das parroquias lindeiras dos municipios de Agolada e As Cruces e aínda da outra ribeira do río Ulla, que asistían as misas que se celebraban toda a mañá, e logo dos actos relixiosos enchían os arboredos que rodeaban a igrexa para xantar e seguir de festa con música deica ben entrada a noite, que en tempos xa comezaba nas vésperas. Visita obrigada era á fonte do San Cibrao que está o carón da igrexa que tiña sona de milagreira e moitos ían a beber ou lavarse na procura de remedio os seus males, e agora fica abandonada. Conta o amigo Xosé Ramón Blanco, veciño e bo coñecedor destas terras do Ulla, que sendo neno e facendo o labor de monaguillo: "Houbo un ano de moita seca e o cura D. Faustino Castelo (tío do tal Castelo que fora secretario do Concello de Silleda), decidiu facer unha rogativa ó San Cibrao con procesión ao cruceiro, ao redor da igrexa e meter os pes do santo na fonte para pedir que viñeran as choivas. Caeu tal tromba de auga que aos veciños participantes non nos dou tempo de meter o santo na igrexa. Vese que mediou o santo ou que o cura tiña bos asesores na meteoroloxía".

A igrexa de Sesto é pequena, con pouco máis de cen anos, non suxeita a ningunha modalidade arquitectónica. A antiga estaba emprazada un par de centos máis arriba na paraxe coñecida polos Muros e dela debeuse aproveitar parte da pedra para esta, pero xa nada queda á vista logo de que o arco triunfal que ameazaba con caer fora substituído por outro de formigón e as vellas pedras pousadas onda a ábside agardando un mellor destino, que ben podía ser a recuperación da fonte milagreira do San Cibrao. A nova na que destaca o erguido campanario, foi construída coa contribución dos veciños, que mesmo pagaron do seu peto unha cancela de forxa con inscrición de 1913, case tan vella coma a igrexa que ten nas inmediacións un cruceiro procesional sen imaxes. No interior, o retablo principal neoclásico por diante da sancristía, contén as imaxes do patrón San Cibrao, a Virxe do Carme e Santo Antonio, con Santa Lucía e San Roque a cada lado e o retablo lateral está dedicado a Virxe dos Remedios, cunha fermosa talla que semella máis antiga que todas as demais.

A antiga casa torre

No patrimonio desta parroquia destaca a antiga casa torre que nun cotarelo mandaron edificar os señores de Vilar de Ferreiros de Arzúa, podente familia emparentada cos Camba de Rodeiro, coas pedras do castelo medieval que algúns historiadores recoñecen coma o castelo de Valquireza que pertencera a ilustre e poderosa familia dos Suárez de Deza, Churruchaos, e figura en documentos do século XVI. A parte alta da torre da casa torre foi derrubada a primeiros do século XX e a pedra empregouse en facer o edificio da escola que está o carón; no chan había un escudo, ben labrado, coas armas dos Gil, Varela e Ferreirós, que agora os donos gardan no interior. Malia o derribo, a casa podería mellorar esteticamente substituíndo as portas e ventás de aluminio, o cableado e o deposito para a auga de uralita que campa sobre o tellado e algún que outro detalle.

Na parroquia de Sesto, en Agolada, hai topónimos moi significativos que poderían gardar relación co desaparecido castelo. Entre eles Monte do Castelo, Vilavella, Agro do Aforcado ou A Granxa. Os amigos Xosé Ramón Blanco, Manuel Busto e Ángel Utrera teñen publicado, ou andan niso, traballos referentes á fortaleza e o seu posible emprazamento nalgún punto destas terras de entre o Arnego e o Ulla, das que a parroquia ofrece fermosas panorámicas que abranguen deica os municipios coruñeses de Santiso e Arzúa.

Compartir el artículo

stats