Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As feiras no Concello da Estrada (IV)

Cando A Estrada era só unha aldea de media ducia de casas xa tiña a súa feira, o último día de mes, onde agora está A Farola

Unha imaxe antiga dunha feira no Concello da Estrada. // Imaxe do arquivo de Marisé García

Cando A Estrada era só unha minúscula aldea de media ducia de casas, xa tiña nas súas terras a súa feira, por iso se di nalgúns documentos que a feira de A Estrada ten unha orixe inmemorial. En 1739 a feira de A Estrada celebrábase o último día de cada mes, "en una dehesa de robles que está al principio de la corredera y camino real que va por el medio de ella que está a la parte del levante abajo del citado lugar de la Estrada hasta llegar a las primeras casas de este lugar". Uns veciños que mercaran uns bois, para non pagar o tributo "los llevaron en derechura a términos de la jurisdicción de Vea transitando con ellos inmediatos a una capilla que se intitulaba de el Espiritu Santo y hacia la parte norte", é dicir, por onde actualmente está a Praza da Farola. No lugar onde se celebraba a feira, xuntábanse as tres xurisdicións de Tabeirós, Vea e Coto del Viso.

Tamén se cita no Catastro de Ensenada no ano 1752: "la feria que se hace en la feligresía de Ouzande, en el lugar de A Estrada situado en términos de esta feligresía, y de los de Guimarey y de San Paio de Figueroa, la que se hace en el último día de cada mes". En 1801 a meirande parte dos terreos onde se celebraba a feira pertencían á Casa Grande dos Bermúdez de Castro, de San Paio de Figueroa, pero aproveitando a ausencia dos donos que vivían no pazo de Vilasuso en Sumio (A Coruña), uns veciños venderon esta propiedade. E non será ata 1865 en que o seu dono o comandante Enrique Jiménez reclamou xudicialmente as terras. En 1852 a feira de A Estrada seguía a celebrarse o último día de mes, pero, como a vila foi crecendo, en novembro de 1877 uns veciños solicitaron ante o concello (que daquela xa residía nesta capital) que se crease unha feira de toda clase de artigos e gando o día 16 de casa mes. En 1859 trasládase á Estrada a feira cabalar e mular que había no Viso cada ano, por considerar que era un lugar que ofrecía máis facilidades.

A comezos do século XX A Estrada tiña tres feiras mensuais, ademais dos mercados semanais os sábados. Como as feiras eran moi concorridas, en agosto de 1913 o concello decide delimitar e ampliar o campo da feira. E tres meses máis tarde os veciños solicitan que tamén o día 24 de cada mes se celebre outra feira, aínda que isto ía en detrimento da feira do Ulla, que se celebraba o 23, e a de Vea do día 25 e a de Codeseda que se celebraba o cuarto domingo de mes. Non foi aceptada esta solicitude, pero o que si se ten en conta é a petición de que o campo da feira de A Estrada se dote de luz eléctrica. E un ano máis tarde volve o rumor de que se vai celebrar unha nova feira o día 21, polo que os veciños dos distritos de Codeseda e Vea manifestan a súa oposición.

En 1916 o Concello decide cobrar a cada vendedor da feira 30 céntimos por metro cadrado, encargando que se lle dea o seu correspondente recibo de pago. Agora ben, o cobro deste imposto puxábase, como era tradicional, debendo dar a cambio a persoa gañadora 1.000 pts. ao concello. Porén ás veces a puxa non tiña éxito e non había que se quedase co posto, así por exemplo, neste mesmo ano puxouse por dúas veces o imposto aos matachíns e venda de carne de porcos e becerros, pero ninguén o colleu.

En 1921 dise que en A Estrada hai feira os días 7, 16 , 24 e último de mes. E ao ano seguinte o concello dálle a autorización oficial ás feiras do 7 e 24, porque como non eran tradicionais, non a tiñan.

A partir de entón foron facéndose diversas obras de mellora. En outubro de 1915 nivélase o campo da feira e plántanse árbores, en 1931 realízanse os sumidoiros para desaugue das augas, en 1932 faise o cerre da caseta onde se tiña a báscula da feira de gando e en 1941 constrúense uns cubertos na feira cun coste de máis de 322.000 pts., pois pensábase que podían servir de cuartel provisional para o exército.

As autoridades procuran que a feira e as actividades gandeiras sigan mellorando e así en xullo de 1932 hai un concurso de gando, que é subvencionado pola Deputación con 1.000 pts.

E así chegamos aos anos 70 cando o campo sufriu un gran transformación. A xente empezou a cobrar o subsidio agrario, o que supuxo o abandono do campo por parte dos agricultores e gandeiros de autoconsumo e a aparición das granxas profesionais. Entón a feira de gando foi esmorecendo a favor do mercado de gando que se celebraba en Santiago.

Agora en A Estrada xa non podemos falar de feira, senón de mercado.

Compartir el artículo

stats