"Antón Fraguas dicía que ser galeguista era ser un amante da nosa terra". Con estas palabras, explicaba onte o artista Bruxo Queiman en Vila de Cruces o porqué do nome do espectáculo que chega este domingo a Vila de Cruces. Será ás 18.00 horas, pero non no Campo da Tilleira, en Camanzo, senón no auditorio Xosé Casal. O cambio de ubicación débese á probabilidade de chuvia e está consensuado entre o goberno e a productora.

Amantes da terra é un espectáculo de Queiman e Andrea Pousa "no que se conxuga a tradición e os cantares, os nosos artistas galegos, co fío da recopilación que fixo Antón Fraguas" sobre o traxe galego ou o cancioneiro, como explica Pousa. Este espectáculo ao homenaxeado polo Día das Letras Galegas puido verse xa noutras localidades galegas, como o seu Cotobade natal ou Redondela. Ademais desta parella de artistas, tamén interveñen dúas formacións corais dezás: Vales Mahía, da Bandeira, e San Salvador de Camanzo, que así vai actuar na súa casa. Completan o elenco a Grupo de gaitas e Baile Foula e a Banda da Unión Musical de Lantaño, que interpretará tanto teas propios como versións de Negra sombra, de Rosalía de Castro, ou de O carro, de Manuel María.

Bruxo Queiman engade que será "un espectáculo vistoso, pola fusión" de estilos artísticos, pero tamén porque inclúe unha exhibición de traxe tradicional galego e porque o domingo hai unha colaboración especial da Asociación Vello dos Cornos, de Merza. Este colectivo é un dos responsables de que na parroquia siga viva a tradición do Entroido do Ulla e o Alto dos Xenerais, que comparte con Salgueiros, Piloño e outros puntos de Silleda e A Estrada. O día 15, os Xenerais do Ulla inervirán con cabalos en dúas danzas deste espectáculo. É unha función que vai honrar a Antón Fraguas, pero tamén a outros dous amantes da terra, da terra cruceña: Xosé Neira Vilas e Paco Lareo. Para eles haberá tamén momentos de lembranza. Queiman e Pousa, que xa teñen intervido en varias ocasións en espectáculos en Vila de Cruces, son conscientes de que "en Cruces, botas unha semilla e nacen artistas", como di Pousa.