Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lucía Pérez - Artista

"As mulleres estamos pedindo paso e a música é un dos mellores vehículos para facelo"

A artista actuará o sábado no festival Música da Terra de Guimarei xunto coa Roda, co seu novo proxecto "A Roda da Igualdade"

Imaxe da artista Lucía Pérez.

A primeira edición do festival Música da Terra, celebrada no marco das Festas das Dores de Guimarei, que comezarán o vindeiro venres, achegará o próximo sábado 14, a partir das 22.30 horas, a algúns dos artistas galegos máis coñecidos e recoñecidos do panorama musical actual. Entre estes atópanse figuras como o grupo A Roda e Lucía Pérez, que presentan o concerto bautizado como A Roda da Igualdade. Este proxecto busca a revisión do cancioneiro popular galego para demostrar que as letras destes míticos temas non teñen por que ser sexistas e que, en efecto, deben dar foco a un novo discurso e promover a igualdade. Espérase que a súa actuación comece a partir das 23.30 horas. Así mesmo, estarán acompañados de outras formacións tradicionais, que subiranse ao escenario con anterioridade, como é o caso de Alvariza, Tamparrantán, Regatos e Tanto nos ten.

-Conta cunha longa traxectoria na esfera musical. Como foron os seus primeiros pasos neste mundo?

-Comecei xa dende pequeniña. Actuaba no colexio, en festivais e outros eventos. Era algo co que desfrutaba moito e co que era moi feliz. Neste caso, meus pais, que son os responsables de todo isto, sempre me axudaron e me animaron para que eu me vise feliz. A música era o que realmente me facía sentir ben.

-Entón, xa dende cativa tiña claro que a música era para vostede?

-Si, efectivamente. Sabía que o escenario era o que máis me gustaba. Aínda que estudei Maxisterio por música, todo relacionado co tema, isto era o que realmente quería facer. É dicir, están aí os estudos relacionados co gremio pero isto é o que quería facer. Síntome realmente afortunada estando aquí, este é o maior triunfo.

-No ano 2002 gaña o concurso para cantantes afeccionados da TVG Canteira de cantareiros. Que supuxo naquel entón esta victoria?

-Todos coñecemos a forza que ten a televisión e eu pasara moitas semanas no concurso. Ao final foi unha gran plataforma para que, a partir de aí, comezase unha carreira na música. Unha carreira que comezou, en certa medida, en forma de anécdota porque o primeiro disco foi un regalo de meus pais que me dixeran que gravase un álbum coas cancións que me gustaban. Todo o mundo pensaba que se ía quedar aí pero resultou que non. A insistencia, a constancia e as ganas por vivir da música eran tan grandes que despois dun primeiro álbum que saiu desa Canteira de cantareiros, houbo outro máis e despois outro máis... E ata agora.

-Chegou a participar ata en dúas ocasións, en 2005 e 2009, no concurso musical Viña del Mar en Chile. Considera que isto lle deu un pulo internacional?

-Si. Era a primeira vez que eu cruzaba o charco e foi un dos meus primeiros soños cumplidos. Dende pequena sempre soñaba con estar nun grande escenario e cantar diante de moita xente. Efectivamente, con apenas 17 anos, funme a Chile, ao festival de Viña del Mar, e foi o primeiro paso despois do cal viñeron moitos outros. Alí chegouse a editar un disco meu e o público chileno sempre me acolleu moi ben. De feito, séguenme escribindo polas redes sociais e espero que pronto poida estar de novo por Chile e Arxentina.

-Aínda que quizais a maior proxección internacional da súa música e voz veu a mans da súa participación en Eurovisión.

-Si. De feito, Eurovisión foi unha total casualidade da vida porque eu nunca me presentara a ningunha audición desas características. Pero claro, Eurovisión era Eurovisión. Eu sempre seguira o programa dende a miña casa, facendo as miñas votacións no papeliño. Entón, cando chocou no meu camiño esta oportunidade pois alá fun. Foi unha das maiores experiencias persoais e profesionais que vivín.

-A pesar de ser coñecida arredor de todo o mundo sempre mostrou estar conectada ao galego e a Galicia. Por que esta unión coa terra?

-Porque son galega e loxicamente sinto un amor pola nosa terra. Creo que toda a xente que nos dedicamos a este oficio temos moita sorte porque a través da música e da voz podemos expresar este sentimento cara Galicia. Temos a fortuna de ter un idioma propio do que temos que estar ben orgullosos. É certo que nos meus concertos o galego está presente no 90% en Galicia e cando son fóra non tanto. Pero síntome orgullosa e afortunada de poder levar o galego fóra das nosas fronteiras. Iso é un orgullo.

-Agora forma parte dun proxecto encabezado pola Roda chamado A Roda da Igualdade . Que significa para vostede como muller que unha agrupación como é esta leve a cabo este tipo de iniciativas que buscan promover a igualdade?

-Esta é unha iniciativa que naceu a través dun proxecto promovido dende a Xunta de Galicia. Este busca darlle unha pequena volta ás cancións tradicionais, que moitas delas teñen versos realmente machistas. Entón pretende, por que non, darlles unha pequena volta e facerlles unha nova versión. Neste caso, A Roda púxose en contacto conmigo e, en primeiro lugar, como muller pareceume unha idea moi atractiva e, como música, significa moito para min. Un grupo como é A Roda, con toda a súa traxectoria, é unha formación que admirei e que admiro moito. Estamos desfrutando moito destes concertos e eu animo á xente a que veña a gozalos con nós. Ademais, busca prevalecer a muller e o seu papel. Estamos nun tempo que é a era das mulleres. Estamos pedindo paso e a música é un dos mellores vehículos para facelo.

Compartir el artículo

stats