A comarca de Deza sempre destacou pola súa afección polos cabalos e a celebración de rutas. Unhas xuntanzas nas que a música e o baile tamén son os protagonistas. Con todo, Silleda foi o concello que máis tardou en crear a súa propia asociación de cabaleiros. O domingo 15 terá lugar a súa primeira xuntanza cabalar que organiza a Asociación de Cabaleiros de Silleda, presidida por Estefanía Taín Surribas.

-Por que se animaron a organizar esta primeira xuntanza cabalar en Silleda?

-Nós xa levabamos participando en varias rutas e sempre se metían connosco porque non tiñamos unha xuntanza cabalar en Silleda, entón decidímonos a crear unha. En principio ía ser para antes do verán pero ao final démonos conta de que era mellor esperar, xa que durante esa época é cando máis xuntanzas se realizan. Polo que, finalmente, vai ter lugar o 15 de setembro.

-Cantas persoas forman parte deste proxecto?

-En principio somos un grupo de cinco persoas, xa que para crear este tipo de iniciativas necesitas un mínimo de catro.

-En que vai consistir esta ruta?

-Esta xuntanza consiste nun paseo que terá como punto de inicio Silleda, nun prado que se atopa ao lado do ambulatorio, onde tamén realizaremos a comida posterior. O traxecto recorrerá Negreiros, O Castro, Ponte, Vilar, Trasfontao e volveremos ao punto de saída. A comida está organizada para as 14:00 horas na que poden participar tanto os cabaleiros como calquera outra persoa. Tamén haberá música e sorteos de produtos que nos van regalando as organizacións que colaboran con nós. Ao final tamén é unha maneira de coñecer xente, xa que a parte da comarca de Deza, tamén vén xente de Lugo, Pontevedra, Rianxo e Santiago. Esperamos que todos os que acudan queden satisfeitos para así poder seguir celebrándoa moitos anos máis.

-Cantos participantes están anotados ata o momento?

-A xente xa comezou a inscribirse pero case todo o mundo espera aos últimos días. A ver se damos xuntado entre 100 e 120 persoas. Tamén esperamos que os demais cabaleiros doutras asociacións tamén participen na nosa.

-Na zona de Silleda considera que hai afección polos cabalos?

-Si, si que hai atracción polos cabalos, non só en Silleda, tamén nos arredores. Ademais, hai outra ruta que é a de Laro, que xa se leva realizando tres anos.

-Por que cre que en Silleda nunca se organizou unha ruta de cabalos?

-Fai cinco ou seis anos fixérase unha ruta, pero organizar iniciativas como esta require de moito traballo e tempo. Ademais, ti o resto do ano tamén tés que ir ás outras rutas para que os demais cabaleiros participen despois na túa.

-Cantos cabalos ten? Con cal participará na ruta?

-Na miña casa temos cinco cabalos, aínda que sempre nos gustaron, nunca ninguén comprara un ata que o fixen eu, xa fai dez anos. Tamén é necesario ter un espazo amplo onde poder gardalos. Na ruta eu participarei cun trotón español, chámase Gitano e xa levo con el ano e medio.

-Cales adoitan ser as razas máis habituais na zona?

-Hai bastante variedade pero, normalmente, os máis habituais adoitan ser españois, árabes, cruces ou trotóns. Nesta zona non hai un cabalo en concreto, depende dos gustos.

-A equipación e a montura teñen un prezo elevado? E os cabalos?

-Depende de cal elixas. Hai prezos asequibles pero, en xeral, a equipación e a montura adoitan ser cara. En canto aos cabalos, tamén varía segundo a raza e o animal que elixas: pura sangue, pura raza, os anos que teña, se é un potro ou un cabalo que xa está montado...Os animais máis habituais da zona roldan entre os 1.000 e 3.000 euros.