Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Roteiro de Goiás (e II)

A microtopomia de Goiás

A parroquia goza dun abondante patrimonio inmaterial a partir do que fixar no espazo un tempo pasado que a identifica e define

Cruz carlista no lugar de As Casas Novas. // Bernabé/Javier Lalín

| Cabanelas (Cotarelo). Unha cabanela é unha cabana ou choza máis pequena e miserable ca cabana (Construción pequena, polo xeral de madeira, que pode ter o teito de palla ou ramallos e que serve, ben para gardar o gran, a herba seca, os apeiros de labranza etc., ben como refuxio da xente do campo). Segundo os veciños, é unha pradería na que antigamente os Señores de García posuían unha especie de cortes para o gando, á fronte dos que estaban caseiros ou serventes. Esta referencia non está moi afastada do que di Cabeza Quiles cando afirma que o nome de "Cabanelas" é un diminutivo de "cabana" (termo ó que se lle engade o sufixo diminutivo -ela). Segundo o autor, eran construídas antigamente cunha finalidade preferentemente agrícola e pastoril.

| Os Prados da Fonte (Cotarelo). Prado é un fitotopónimo que deriva do latín pratum. A xuízo de Gonzalo Navaza, é posible que prado fose unha forma culta ou latinizante que, no territorio estudado, si se chegou a impoñer sobre as formas patrimoniais máis populares como son lama e lameiro. Fonte ( fons-fontis) é un lugar onde mana auga, que pode proceder dunha corrente subterránea natural ou ser conducida artificialmente. O microtopónimo engloba aqueles prados que se atopan a carón da Fonte do Lavadoiro de Cotarelo.

| Cotarelo. O nome é de orixe prerromana: diminutivo de cótaro. Este termo contén o radical prerromano Cot- (elevación no terreo) e o sufixo derivativo átono, tamén prerromano, -aro. Seguindo unha tese do profesor Gonzalo Navaza, os topónimos con sufixo diminutivo -elo, -ela ( < lat. -ellu, -ella) son necesariamente anteriores ao séculos XII ou XIII, pois nesa época o diminutivo -elo xa fora substituído en galego por -iño, -iña. O termo coto é unha voz prelatina, probablemente indoeuropea, común ao galego, ao leonés e ao castelán de Cantabria. A etimoloxía deste nome fai xustiza ao existente, pois nesta aldea é onde se sitúa un dos castros máis vistosos de Deza (Castro de Cotarelo), e un cotarro que recibe o nome de "Os Cotarelos", lugar que, segundo os veciños, deu o nome á aldea citada. Non van moi descamiñados os informadores, xa que a súa interpretación vai na liña do aportado en canto á etimoloxía deste nome.

| O Lameiriño (Cotarelo). Orotopónimo. Do latín lama-ae. Lugar onde adoita haber moita lama. Este microtopónimo é un diminutivo de "lamela". No espazo que abarcan estas terras soe acumularse bastante lama no inverno por mor das choivas e dos sobrantes do pozo da casa da Carreira, empregado para rega.

| Pareizo. Sobre a súa etimoloxía non temos referencias exactas, agás unha hipotética que se fai no Nomenclator de parroquias, lugares, villas y aldeas, que se leen en los documentos medievales de Lugo, atribuído a Buenaventura Cañizares. Nel aparece: " Paraizu = Pareizo, Goyás, Deza? - 29 abr. 887 (data)". Pero non é segura, a xuízo do mesmo autor, a identificación desa forma medieval co topónimo actual. O texto reza así: " Berducedo: Bitolarios: Sandurci. ad gallegos ad castanaria. Pescoso in Deza. Paraizu. Pastoriza. Navego. Asma. insuper et de omni omnino re mea". Outra referencia sobre a etimoloxía desta palabra atopámola nun documento do 12 de abril de 1297 recollido na Colección Diplomática de Oseira, onde un tal Nuño García vende a Arias Méndez e á súa muller María Mel, a herdade que ten na freguesía de San Pedro de Alperiz, por cincuenta soldos. As testemuñas desta venda foron Roy Lourenço de Sello e Gomez Garcia de Parayço e Pedro Suarez capellan de Goyaes.

| A Virxe das Angustias (Pareizo). A capela foi construída polos veciños no ano 1981, sendo crego Mario González Negro. Nela, o primeiro fin de semana de outubro, ten lugar a festa na honra da Virxe das Angustias, que é acompañada na procesión pola imaxe de San Xosé. Esta festa non ten alcance parroquial, tal como acontece coa de San Miguel ou coa da Virxe do Rosario, senón que é celebrada só nos lugares de Cotarelo e Pareizo.

| A Ghouxa (Cotarelo). De Gouxa: fitotopónimo. Segundo Martín Sarmiento (1746-1755c), Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca en 1973), fai referencia a unha matogueira, bosque... Acaso do francés gouse?

| Cotorrapado (Pareizo). Coto: orotopónimo. Parte máis alta dun monte, que ten forma cónica. Rapado: neste caso refírese a unha zona pelada, sen vexetación. Fai referencia a unha zona elevada, próxima ao Agro de Lamelas e ao Coto das Peniñas, que debeu destacar pola ausencia de árbores e matogueira. Hoxe en día, nesa zona hai prados e leiras.

| O Muro Novo (Cotarelo). Relacionado coa agricultura e as actividades humanas. Muro: Construción vertical de pedras, terróns e outros materiais, que se levanta para cerrar un espazo, para soster algo de modo que non caia etc. Novo: adxectivo, do latín novus-a-um. Refire a existencia dun valado, que agora xa non existe, nas terras así denominadas.

| As Raposeiras (Pareizo). Como zootopónimo: gorida do raposo. Sería un espazo idóneo para guarecerse os raposos. Como orotopónimo: monte de vexetación baixa e moi mesta.

| O Ballote (Pareizo). Podería referirse ao bolo de fariña de millo que se coce no caldo. Tamén se coñece co nome de bolo do pote. Esta explicación parece probable, xa que a xente que habitou a primeira casa deste lugar da aldea de Pareizo, sempre se dedicou a cocer e vender pan. O pan levábano ata Lalín tanto a pé como dacabalo.

| Agro de Mamacavada. Agro: orotopónimo, derivado do sustantivo latín Agrum (terra cultivada). Mama quere dicir relativo a mámoa. E cavada garda relación con "escavada". Alude á existencia dunha mámoa neste agro, e que foi escavada. Os máis vellos de Pareizo din que alí se atopaba unha mámoa que debeu ser escavada (ou arrasada) sen saber cando se produciu tal feito.

| A Reboira (Pareizo). Topónimo viario. Segundo Luís Aguirre del Río ( Diccionario del dialecto gallego, 1958), é un camiño de volta, ou camiño máis longo.

| Chousa da Cruz de Brais (Cáceme). Chousa: topónimo relacionado coa agricultura e as obras e actividades humanas. É unha terra de labor cercada, polo xeral de pouca extensión e preto da casa. Cruz ben puidera facer referencia a un topónimo viario, levando o complemento de Brais como referencia a algún antigo posuidor dun terreo limítrofe co suposto cruce de camiños. Pero, sen dúbida, a mellor explicación para este microtopónimo foi a existencia dunha cruz de pedra da primeira metade do século XIX, similar ás que aínda hai na Reboira, nas Casas Novas, no Ballote e no Campo da Festa das Angustias (Pareizo). Estaba situada á beira do camiño que vai da aldea de Pareizo á estrada N-640. Esa cruz desapareceu a finais da década de 1990.

| As Casas Novas. A súa etimoloxía procede do latín casa-ae e novus-a-um, non sendo, posiblemente, un topónimo anterior ao século XIV.

| A Igrexa. O seu nome vén dado pola situación da igrexa de Goiás. A etimoloxía procede do grego ekklesia (asamblea, congregación).

| Costa do Cruceiro/Monte da Ermida (A Igrexa). Costa é un terreo en pendente, particularmente referido a un camiño ou outra vía. Neste caso, refírese a un monte. O microtopónimo refírese á costa (monte) que pertence á aldea de A Igrexa. Esta arrinca xunto ao cruceiro que se atopa a uns 60 metros da igrexa parroquial, nun cruce de camiños. Estas terras tamén reciben o nome de Monte da Ermida. Monte: do latín mons-montis. Ermida, de ermo (deserto, illado, so, solitario: Lugar deshabitado e sen cultivar. Con este orotopónimo faise referencia a un monte no que antigamente non se faría ningún tipo de cultivo, ademais de atoparse deshabitado.

| Mámoas da Costa do Cruceiro. Neste monte existe un pequeno conxunto tumular ubicado ao longo dunha dorsal en sentido N-S coñecida como Campo do Mato ou Campo do Malato; son as mámoas de Costa do Cruceiro, de Fonte Tourón e de Costa de Casares. Moi próximos a estas entidades ubícase un Camiño Real. O achado e documentación do Marco-lousa de Fonte Tourón e das outras dúas mámoas produciuse durante os traballos de prospección superficial previa á execución dunha liña eléctrica de media tensión para avaliar o impacto que a construción sobre o patrimonio cultural. Nin o denominado Marco-lousa nin o propio conxunto tumular ao que se vencella o elemento figuraban en ningún rexistro ou catalogación.

| O Malato / O Monte do Valiño (Palmaz). Un malato é un leproso e, por extensión, quen padece unha enfermidade contaxiosa. Na toponimia repítese con frecuencia, non porque houbese hospitais para enfermos, senón por outras motivacións, nuns casos pola existencia dunha fonte de augas que se supoñían medicinais (fonte malata: que cura os malatos) e noutros aplicado a propiedades agrícolas pouco produtivas que facían supoñer que tiñan a terra enferma. Valiño, orotopónimo, diminutivo de Val (latín, vallis-is), depresión do terreo entre montañas pola que flúe ou fluíu un curso de auga.

| Regueirancha (Delaparte). Regueira, hidrotopónimo: Canle por onde baixa un rego de auga. Ancha, adxectivo feminino: Algo que é extenso en anchura ou ten moita extensión. As dúas verbas unidas fan referencia aos terreos que se atopan no sur de Goiás lindando co norte de Lalín. Estas terras están atravesadas polo Rego das Cabirtas, e no que se atopan os muíños de Calón, de Outeiro, de Luís, da Xesteira, e da Pena.

Compartir el artículo

stats