Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Susana Camba Castro: "O BNG sempre seguiu unha liña moi característica e é unha liña moi solitaria"

Asume durante catro anos a portavocía do partido nacionalista na Estrada trala marcha de Xosé Magariños

Susana Camba posa nos xardíns municipais da Estrada. // J. Carlos Asorey

Susana Camba Castro é unha das novas caras e voces na corporación municipal estradense despois das pasadas eleccións municipais. O único representante que acadou o BNG neses comicios deixaba a esta xestora do 112 Galicia fora do pleno estradense pero a renuncia do candidato Xosé Magariños a seguir á fronte do partido fixo ascender á súa número 2. Agora afronta un reto persoal como cara visible do partido nacionalista na Estrada.

-Cumpriu vostede dous meses na corporación municipal. Como se sentiu neste tempo?

-Estamos establecendo unha liña de actuación política. Estamos no principio pero aínda nos queda moi por diante. Por dicilo dalgún xeito diría que aínda estou aterrando. Estou tamén acostumándome a esta nova dinámica e establecendo as bases para camiñar con maior afouteza do que estábamos facendo antes, que xa era moita. Como dixen moitas veces, Magariños deixou o listón moi alto que hai que, como mínimo, igualalo.

-Esta historia comezou fai dous meses cando Magariños anunciou por sorpresa que o deixaba despois de oito anos... Era algo que esperaban dentro do partido ou pillounos por sorpresa?

-Pillounos bastante por sorpresa a verdade. Todo o mundo nun momento determinado debe seguir coa súa vida. A vida política e nun cargo de responsabilidade é finita. Magariños como portavoz non nos parecía que tivese que deixalo. Foi una decisión súa que lle custou o seu traballo tomala e que o resto respectamos. Era algo que non esperábamos.

-E nese momento todas as miradas se centrarían en vostede. Tocáballe.

-Tocaba, por matemática tocaba seguro. Todos miraron para min pero tamén foi unha decisión que tiven que tomar calma. Non a tomei nese momento.

-Cambiará bastante o feito de ir de segunda tras Magariños a verse dun día para outro á fronte da nave do BNG da Estrada.

-Si que cambia porque como número 2 non tes a mesma responsabilidade. Formas parte dun equipo pero a responsabilidade ao final é doutra persoa. El era o que tiña que falar e dar a cara polo partido. Aínda que fosen decisións colectivas el era quen as transmitía. Agora eu teño que facer iso. O traballo é totalmente diferente.

-Falaba Magariños na súa rolda de prensa de despedida do desgaste que supón estar oito anos so na corporación facendo ese traballo de oposición. Agora que está vostede aí nota ese desgaste?

-Si que se nota. Levo pouco tempo pero entendo perfectamente que os oito anos que estivo aí tiveron que esgotadores. Todo o mundo ten a súa responsabilidades pero cando estás ti so a responsabilidade cae integramente en ti. Tendo alguén ao teu lado tes un apoio, unha persoa que che pode refrescar algo ou que apuntase algo, pero non a tes. O traballo en solitario é esgotador nun traballo de por si moi canso.

-Desde fora vese un traballo no BNG neste inicio de lexislatura que sigue un pouco a liña de anos anteriores, cunha combativa fiscalización do que fai o goberno do PP, poñendo énfase en cousas que consideran que non se están facendo ben. É o seu papel...

-A liña do BNG sempre é a mesma. Podes cambiar un pouco a estratexia. Evidentemente cada persoa pon algo de si mesma pero a liña que seguimos é a mesma porque pensamos que é a correcta. Creo que somos un partido moi coerente, no que pensamos, no que dicimos e no que facemos. Por iso a liña vai seguir sendo esa.

-Cales son os puntos nos que deben poñer máis énfase no seu traballo de oposición?

-Creo que hai que profundar moito máis no que é a labor social do goberno municipal. Ten que ter unha labor de transformación da sociedade. Para iso están aí. Están xestionando os recursos da veciñanza e hai certas cousas que non se poden facer desde a política municipal pero hai outras moitas que si. Teñen nas súas mans o poder de lexislar e de cambiar cousas. Pódense facer moitas máis cousas das que se están facendo neste concello a nivel de política social e a nivel de axuda dos veciños que o están pasando peor. A política ten que servir para mellorar a vida das persoas, senón non sirve para nada. Neste concello deberían deixarse de titulares grandilocuentes e preocuparse máis ao día a día da xente.

-Escoitei nalgunha vez dicir desde o BNG que estaban un pouco sós nalgúns temas de oposición e fiscalización do Concello. Pensa vostede así con esta corporación?

-O BNG sempre tivo unha liña moi característica. Unha liña que podería estar dentro da esquerda máis tradicional, no sentido político da palabra dende o punto de vista do soberanismo. Esa liña é moi solitaria e continuaremos porque non hai outro partido que comparta a mesma liña. A oposición sen embargo é a oposición. O que temos diante é a un Partido Popular que ten a maioría absoluta. Temos que facer que esa labor de fiscalización sexa colectiva, de toda a oposición, non so do BNG. Evidentemente cada partido fará esa labor dende o punto de vista da súa ideoloxía política. Nos vamos a facelo dende o noso e é un punto de vista moi particular pero a labor de oposición ten que ser algo colectivo. Así ten que ser e así ten que continuar.

Compartir el artículo

stats