Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Galiña Piñeira, outra carne que degustar en Cruces

Varios criadores do municipio, xunto a granxas de Arzúa ou do Pino, retoman os trámites para que sexa declarada raza autóctona

O galo que quedou campión no Monográfico do Pino estivo na feira de Piloño. // Bernabé/Javier Lalín

Na feira do 21 que acolleu Piloño este domingo fixo a súa posta de longo no concello a Asociación Galega para a Recuperación, Defensa, Producción e Promoción da Galiña Piñeira, Agalpi. O colectivo conta agora mesmo con 29 productores desta raza (ningún deles da provincia de Ourense), entre os que se atopan varios das dúas ribeiras do Ulla. Un deles é Xosé Ramón Cillero, veciño de Merza e que, ademais de vogal de Agalpi, tamén exerce de portavoz.

Cillero forma parte da directiva que montaron varios criadores en 2018 para retomar unha asociación, vinculada á Fundación Acivega (Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia) e ao Colexio de Veterinarios da Coruña. Nesa primeira etapa, Agalpi tramitou ante a Consellería de Medio Rural a declaración de raza autóctona para a Galiña Piñeira. E non houbo máis pasos. A nova xunta directiva comprobou que non só na Xunta non estaba dada de alta anterior directiva, senón que material "como incubadoras fora doado a unha ONG", explica Cillero, quen lamenta que outras iniciativas como o centro de cría en Mabegondo, "que custou 120.000 euros, estea agora cheo de silvas".

Por de pronto, nesa nova fase Agalpi fixou a súa sede en Arzúa e organizou no Pino, a comezos deste mes, o I Monográfico de Galiña Piñeira, con máis dun cento de animais que foron sometidos a exame dun xuiz chegado do País Vasco. Nesta comunidade hai dous criadores integrados xa no listado de 22 cos que conta Agalpi, e tamén será no País vasco onde se faga un monográfico para que esta raza avícola teña alcance e recoñecementos a escala estatal. Haberá, tamén, actividades de promoción en Vegadeo.

Preguntado polas características morfolóxicas que distinguen á Galiña Piñeira, Cillero explica que é máis pequena cá de Mos (que si está catalogada como raza autóctona) e que, a diferenza desta, non ten unha única variedade, senón tres: a asalmonada, a aperdizada e a branz¡ca. A branca, en realidade, é froito dun xen recesivo, de xeito que ao cruzala cun galo branco manterase esta variedade. "En teoría é de procedencia celta, e usábase como galiña combatente", explica Cillero, quen sinala que nas súas orixes foi unha galiña silvestre e que, polo tanto, non é unha raza de xaula, xa que incluso chega a abandonar o galiñeiro.

"É boa poñedora e pode ter unha producción durante catro ou cinco anos". Tamén é válida para a carne, pero non ao mesmo ritmo que a raza de Mos, posto que aquela é máis pequena. "Nun exemplar híbrido, en seis meses podes obter catro quilos de carne, e no caso da Galiña Piñeira serían precisos nove meses para 3,5 quilos". As canales dunha e doutra raza tamén son diferentes, posto que a da Piñeira "tira máis a caza, con un sabor máis intenso". Entre os proxectos de Agalpi, ademais de promocionar a raza e conseguir un distintivo que leva tempo de abondo pendente, tamén se quere favorecer o consumo de proximidade. Polo momento, aínda é moi complicado poder mercar ovos de Galiña Piñeira nun supermercado habitual.

Compartir el artículo

stats