A programación do Verán Cultural impulsado polo Concello de Rodeiro segue o seu transcurso. Hoxe pola noite, ás 20:00 horas, contarán coa participación da monologuista Stephy Llaryora. Eu quero ser galega é o nome que recibe o seu espectáculo, co que busca mostrar o punto de vista da protagonista que, procedente de Madrid, chega a Galicia e decátase de que ela tamén quere formar parte desa cultura.

-Por que elixiu Eu quero ser galega como título do seu espectáculo?

-Elexino porque eu non son galega e viñen vivir para aquí fai catro anos. Na obra mostro a miña adaptación á cultura de Galicia, dun xeito cómico vou dando a coñecer todo o que fun descubrindo dende a miña chegada a estas terras.

-En que consistirá a actuación que vai ofrecer hoxe en Rodeiro?

-O monólogo trata sobre as miñas orixes. Decidín xuntar dúas pezas na que a primeira parte é en castelán e dura aproximadamente media hora. A protagonista é vasca e mostra súa opinión sobre a cultura galega. Tamén é unha crítica cómica dos preceptos sociais que temos que seguir as mulleres chegadas a unha determinada época das nosas vidas. A segunda parte tamén ten unha duración de media hora e é en galego, nela represento a unha persoa que se considera galega pero que provén doutra cidade e, pouco a pouco, dase conta de que ela tamén quere formar parte desa cultura.

-É a primeira vez que actúa na comarca de Deza?

-Fai varios anos actuara nun bar en Lalín como monologuista pero dende que estamos de xira coa productora De Ste Xeito, non demos ningún espectáculo pola zona.

-Na actualidade, tamén participa noutro traballo que se chama Loló&Mamá. De que trata?

-Despois de facer durante varios anos monólogos decidín, fai dous anos, crear a miña propia produtora De Ste Xeito. A obra de Loló&Mamá conta a historia dunha nai e dunha filla que, ao comezo, teñen os roles cambiados. Vese como chegada a unha determinada idade, moitos fillos teñen que coidar das súas nais. Na obra, a proxenitora foi durante varios anos reporteira de guerra e volta a casa da súa filla xa que se atopa nun momento de debilidade.

-Está tendo moitas contratacións durante a temporada estival?

-No caso das pezas teatrais, temos menos actuacións durante o verán xa que a temporada forte comeza no mes de setembro ata decembro. Sen embargo, como eu tamén son monologuista si que teño bastante traballo durante o verán. Os espectáculos de humor funcionan moi ben durante esta tempada.

-Sempre tivo claro que quería adicarse ás artes escénicas?

-No meu caso foi algo vocacional dende moi nova, nas reunións familiares xa me gustaba contar contos ou historias que inventaba eu. Aos dez anos,comecei a acudir a clases de danza e, de seguido, xa me adentrei no teatro, ata que descubrín que podía dedicarme a isto de maneira profesional. Así que, trasladeime a Madrid para estudar a carreira de arte dramático.

-É complicado conseguir vivir desta profesión?

-A verdade é que si, é difícil conseguir que esta sexa a túa profesión porque sempre estás dependendo de que che xurdan actuacións. Por iso, eu preferín crear a miña propia produtora e poder escoller eu o que contar. Para vivir disto, tes que traballar moito e ter,ademais dun perfil artística, coñecementos administrativos e comerciais.