Mesturar nunha mesma canción unha base tradicional xunto a pequenos arranxos que, dende o comenzo, convidan ao público a bailar, asegurou o éxito do grupo Tanto Nos Ten dende fai 12 anos. Con tres discos publicados e unha axenda repleta de concertos, esta agrupación musical actúa hoxe en Noceda a partir da medianoite, dentro da programación das festas patronais desta parroquia lalinense.

-Como xurdiu a idea de crear este grupo musical? Hai cantos anos?

-O gaiteiro da agrupación e máis eu formabamos parte dunda asociación en Redondela e, no ano 2007, tomamos a decisión de crear un grupo festeiro, que fose interactivo co público.

-O nome de Tanto nos Ten foi por algún motivo en concreto?

-Pois non a verdade. Cando comezamos a tocar, iamos aos sitios e preguntábannos cal era o nome do grupo e nós nunca sabiamos que responderlles. Ata que un día contesteille a unha das orgnaizadoras: "Elixe ti, que a nós tanto nos ten", e dende aquel momento xa quedou ese nome. Está claro que ás veces o que non planeamos sae ben.

-O grupo naceu en Redondela...

-É unha mestura, de Redondela só son eu aínda que os ensaios tamén os realizamos nesa localidade. Os demais integrantes do grupo son de Vilagarcía, Xinzo de Limia, Salceda, Ponte Ledesma e Cacheiras.

-Están satisfeitos coa acollida que teñen entre o público?

-O primeiro concerto foi fai 12 anos en Vilagarcía, e dende o primeiro momento tivemos a sorte de que fomos un grupo cunha moi boa acollida. Creo que unhas das claves foi a mensaxe social que trasmitimos nas letras das cancións, defendendo a nosa cultura.

-Durante este verán están tendo moitas contratacións?

-En todo o que vai da temporada estival soamente descansamos un sábado e temos todos os días con concertos ata o mes de setembro. Ademais, participamos tanto en festivais como nas festas parroquiais, polo que nos achegamos a públicos moi diferentes.

-Hoxe a partir das 00:30 da noite, darán un concerto en Noceda (Lalín). En que vai consistir este espectáculo?

-Nos nosos concertos, sobre todo, o que buscamos é que a xente se anime a bailar e cantar con nós. É un espectáculo moi animado, continuamente estamos interactuando cos asistentes Por suposto, realizamos todas as cancións en directo e non nos rexemos por ningún xénero en concreto, senón que dentro da musica tradicional dámoslle os nosos arranxos, buscando que a xente se anime a bailar cando nos escoite.

-É a primeira vez que actúan na comarca de Deza?

-Non, non é a primeira vez. Xa o ano pasado participamos na terceira edición dos Cantos de Taberna en Lalín e tamén en Callobre (A Estrada). Por sorte é unha zona na que xa actuamos máis veces e a xente sempre é moi receptiva a participar.

-Cando remate a temporada estival, nótase o baixón nas contratacións?

-Si que se nota o descenso no número de concertos que realizamos, pero aínda así como somos un grupo que actúa tanto en palcos como pola rúa, fai que manteñamos bastantes contratacións.

-Hai un mes estrearon o terceiro disco. Como é a experiencia de eleborar este traballo?

-A diferenza de outras publicacións, este traballo está composto por cancións tocadas en directo polo que non temos a posibilidade de editalas nun estudo, entón ten que ir todo moi metódico. Durante a gravación, non escollimos ao público participante pero si que lle pedimos como requisito que tiñan que acudir dous días ao concerto, para que non se notase diferenzas nas cancións. O proceso de gravar e de editar tivo unha duracuón de catro meses.

-Hoxe, é complexo conseguir publicar un disco?

-Si, é moi complicado, sobre todo, se é unha autoprodución como a que facemos nós. Ademais, economicamente, supón uns custos moi elevados. Nós conseguimos levalo a cabo grazas ás contratacións en festas e festivais.

-Como valoraría estes 12 anos que levan actuando?

-Valoraría moi positivamente esta experiencia xa que cando creamos grupo, nunca imaxinamos chegar a pubicar tres discos nin ter o recoñecemento que, hoxeendía, temos entre a xente.