Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vilatuxe e Moimenta comparten patrón

As dúas parroquias celebraron o San Lourenzo coas súas bandas de música, ao coincidir tamén en tradición musical

A procesión de Vilatuxe, ao redor da igrexa. // Alfonso Santomé

Non son estas festas dedicadas ao patrón as únicas que teñen ámbalas parroquias. Vilatuxe ten festa do San Benito na súa capela de Castro de Arriba e aínda poida que quede algo da que se celebra na capela do San Bartolomeu de Bustelos, e nos últimos tempos os veciños recuperaron a Feira dos Carballiños cunha celebración anual moi concorrida, na que se recrea aquela de mediados do século pasado cando Vilatuxe tiña cuartel, minería e servizos no Camiño de Arrieiros. En Moimenta, os veciños de Meixomín celebran a festa do Pilar que alí ten a súa capela e en tempos houbo romaría sonada na desaparecida capela do Furco dedicada á Virxe do Carme, ás que xa temos dedicado algún artigo.

As dúas parroquias distan uns dez quilómetros da capital municipal tendo boas comunicacións polas estradas importantes, a PO-534 que vai a Pontevedra e a N-640 que vai a Lugo, respectivamente. No que si hai notable diferenza é na poboación: Vilatuxe anda polos 600 habitantes que reparte en 15 lugares e 18 quilómetros cadrados de superficie, mentres que Moimenta contabiliza 150 habitantes, repartidos en 6 lugares e 7 quilómetros cadrados de superficie. Non sobra dicir que as dúas parroquias, coma as máis da comarca dezá, veñen perdendo poboación nas ultimas décadas, xa que a meadidos do século pasado andaban polos 863 e 330 habitantes respectivamente. A maior poboación de Vilatuxe fai que conte con colexio público e unha recoñecida hostalería, así como algunhas pequenas industrias, comercio e servizos e mesmo mantén un equipo de fútbol con campo propio. En Moimenta xa só fica unha taberna e un par de panaderías, e xa en retroceso a explotación de canteiras e mesmo as explotacións gandeiras.

As igrexas dunha e outra parroquia foron reconstruídas nos actuais espazos a finais do século XIX e principios do XX. A de Vilatuxe, de boas dimensións, é neoclásica e a fachada e a torre rematáronse de construir no ano 1900. Deses anos é o retablo principal e da primitiva igrexa os dous retablos laterais nos que poden ollarse imaxes de certa antigüidade. Tamén é de primeiros do século XX a parroquial de Moimenta, para a que Xosé Vilariño, da familia dos polifacéticos artesáns da parroquia, fixo as imaxes de pedra que coroan a espadana do airoso campanario barroco. A maior parte das imaxes que se mostran no retablo son desa época, pero hai media ducia de vellas tallas da antiga igrexas e a do Carme da capela do Furco.

Para rematar este apretado resumo, sinalar que en Vilatuxe os antigos habitantes deixaron as súas pegadas no castro local e nunha ducia de mámoas; houbo unha torre medieval e unha telleira a orelas do río Deza e un par de pazos fidalgos que pertenceron aos Pita e os Louzao, media ducia de casas señoriais; tamén máis dunha ducia de alvarizas nas estribacións do Candán e hórreos sobranceiros, e aínda se conservan varios muíños e pontellas no río Deza que na parroquia ten unha praia fluvial. Na parroquia tamén poden ollarse fermosos cruceiros e árbores senlleiras coma os carballos de Pita e dos Carballiños, o castiñeiro da Saborida ou a sobreira de Gondoriz.

De Moimenta cómpre referir os sartegos antropoides de A Cal, e os petróglifos que localizamos nas proximidades que ben merecían un camiño para a súa contemplación, os restos da torre da Balouta que dou nome a unha sociedade labrega, ao grupo de gaitas Bico da Balouta e mesmo ao desaparecido club de fútbol; e a fundición de ferro a pé do regato local posiblemente romana, de cando as aras que se atoparon na parroquia e garda o Museo de Pontevedra. Os muíños e pontellas do regato que vai o das Abellas, onde tamén funcionou unha centraliña eléctrica e varios batáns; os ben labrados hórreos con diversos tamaños e remates e os cruceiros e construcións populares que fixeron os veciños de Moimenta que sempre tiveron sona como artesáns e músicos, e dos que xa nalgunha ocasión temos versado en distintos medios.

Compartir el artículo

stats