Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A historia do desaparecido cruceiro de Cristín

Hai máis dun ano, un golpe causado por un camión soltou a cruz, que permanece gardada nun almacén

Inscripción na base, onde se fala da doazón de Esteban Alende.

Nesa edificación da antiga Alcaldía aínda hoxe podemos contemplar no seu lintel, unha placa homenaxe ao que foi o máis famoso médico de Agolada,Victor Loureiro.Médico pontevedrés e republicano por máis señas, tan ben querido polos seus veciños,que a súa suspensión no ano 1929 impulsou unha mobilización da veciñanza esixindo a súa reposición inmediata no posto de médico da vila. Nesta placa custeada por subscrición popular e instalada no ano 1934 aínda podemos ler xunto a fotografía do prestixioso médico: "Al ilustre médico pontevedrés D. Víctor Loureiro Crespo, inspector municipal de sanidad del Ayuntamiento de Golada. 1888 -1933. Sus amigos en testimonio de admiración".

Tal e como nos conta Luz Mendez no seu libro sobre a toponimia de Agolada, a orixe do topónimo de Cristín atopámola no nome persoal latino "Cristinus" derivado de Xesús Cristo, e por conseguinte introducido pola Igrexa e a relixión cristiá. Non temos atopado topónimos similares durante o Medievo, polo que resulta, como moitos outros topónimos de Agolada, case exclusivo da zona, e tan só existe outro lugar do mesmo nome en toda Galicia, en Oza dos Ríos.

Polo que respecta ao apelido ou nome Cristín, apenas quedan unhas vinte persoas e seguramente todas elas descendentes e con orixe nesta lugar de Borraxeiros, ao que chegabas atravesando a espesura da vella e húmida congostra, case desaparecida de Reboredo. Nela, se te fixas ben, aínda podes descubrir entre a ramallada, as silvas, e as xestas, unha das moitas cruces posiblemente carlistas que aínda quedan no noso Concello como testemuñas de mortes violentas, fusilados ou asasinados durante as fratricidas loitas sen cuartel, entre isabelinos e carlistas, alá polos anos trinta do século XIX dos que da conta o escritor Francisco Vilariño, no seu libro Reseña histórica del Condado de Deza.

Xustamente á saída desta corredoira, á beira do regato do Buxel, antes de cruzar a ponte cara os muíños de Cabanelas, cuxas moas moían o trigo e o centeo cas augas do rego que ven baixando dende Couso, atopamos, máis ben atopabámonos, co cruceiro de Cristín, orixe deste artigo. Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado ,e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou, e polo gran sentimento de quen o fixo. Son palabras de Alfonso R.Castelao.

Posiblemente este noso de Cristín foi levantado neste mesmo lugar como o típico cruceiro encargado para a salvación da alma, ou penitencia por algunha mala acción, ou pecado, manifestación da relixiosidade dos pobos e as súas xentes.

Os cruceiros son un dos símbolos mais característicos do país, no que podemos atopar arredor de 10.000, que están catalogados e coñecidos, tal e como nos indican espertos como a Asociación Amigos dos Cruceiros de Galicia, entre outras similares.

Fai case que sete séculos que empezara esta practica de sacralizar lugares considerados de culto pagán, ou cheos de misterio, así como de santificar cruzamentos, paraxes afastados, etc.

A Virxe das Angustias,enclavada no reverso de moitas cruces de pedra, non é a Piedá dos escultores, é a Piedade creada polos canteiros, os nosos canteiros deixándose levar polo sentimento, non podían imaxinar un home no colo da nai. Para os artistas canteiros, Xesucristo é pequeno, sempre é o Neno, porque é o Fillo, e sos fillos sempre somos pequenos nos colos das nosas nais.

Reparade nos nosos cruceiros e descubriredes moitos tesouros. Os cruceiros, por si mesmos, falan da relixiosidade, a fe, o amor, e o temor, ou en acción de grazas ante un milagre, unha curación ou unha promesa, noutras ocasións, para recordar un feito luctuoso, unha morte, un asasinato, ou mesmo a aparición da famosa Santa Compaña, ao mesmo tempo que a profesionalidade dos mestres canteiros e artistas que plasmaron e nos deixaron o mellor deles nestas obras, e como sagrados que eran, convertían o lugar do seu emprazamento igualmente en algo sagrado e seguro ante demos, meigas e santas compañas que recorrían as congostras e carballeiras do país.

Pero tampouco podemos esquecer que ás veces servían para marcar ou delimitar territorio e propiedade, e mesmo indicar direccións en camiños e sendeiros polos que ir os paisanos e labregos, de feira en feira, ou de aquí para alá, polo que o seu valor xurisdicional e utilidade civil tamén resulta incuestionable.

José Coego, o creador

Neste cruceiro de Cristín, a talla da Virxe e o Cristo, o fuste, e a base, esculpida en granito, foi realizada polo canteiro da zona,José Coego Vilariño, de Eidián, por encargo do coñecido como o mestre Estevo que o pagou. Segundo algunhas informacións dos veciños, colaborou na súa colocación aínda que non puidemos averiguar os motivos que moveron a súa fábrica, quizais esta entronque ou teña que ver cos traballos desenvolvidos por aquel, que entre outras ocupacións, facía de mediador, cambista e depositario entre os veciños, amigos e coñecidos emigrados en Cuba e outros lugares de América onde emigraban en busca de mellor fortuna, e os seus familiares na zona, ante os que facía de representante, collendo e entregando cartos por encargo daqueles, algo similar aos banqueiros e cambistas de antes.

Este artista, construtor e canteiro entre outras profesións, tiña como afección o debuxo, e usualmente copiaba imaxes, e obras do románico, que atopaba en libros e revistas, de aí que a imaxe do cruceiro garde características propias daquela arte dos séculos pasados e recorde tallas daquela época.

Das tallas e construcións realizadas ao longo do tempo, sobre todo despois do seu regreso de Cuba, onde foi buscando mellor sorte e viviu durante varios anos, quedan o edificio de Agolada da Avenida do Concello, coñecido como O de Fausto, así como no lugar de Couso de Abaixo, un fermoso hórreo, esculpido que se levanta no curro da súa casa familiar.

O cruceiro de propiedade pública érguese sobre unha plataforma cadrada de pedra. A base ten forma de tronco de pirámide coas aristas superiores rebaixadas. O fuste arranca de sección cadrada e logo desenvólvese en hexagonal ata o capitel. Este vai adornado con volutas e follas de acanto en todas as caras. A cruz de sección cilíndrica e con cartela amosa un Cristo de talla sinxela e pouco proporcionado anatomicamente, no reverso unha Virxe cun manto que aínda conserva restos de policromía.

Na base, gravado na pedra pódese ler con moita dificultade, parte da lenda....."Recuerdo de Esteban Alende Guerra, por Devoción". O resto desgraciadamente resulta ilexible, borrado polo paso do tempo.

Dende xuño do ano pasado o cruceiro permanece, tal e como puidemos comprobar, no almacén que o Concello ten no polígono industrial, logo de que posiblemente un camión da Deputación, en labores de desbroce e mantemento das pistas, golpeara a talla, partindo o soporte de pedra co mantiña sobre o seu fuste.

Despois da denuncia trala súa desaparición, tanto Patrimonio a través da súa delegación como a Policía Autonómica mostraron o seu interese polo tema, levantando atestado e recollendo información, tanto dos veciños, como das autoridades localis. A realidade, nembargantes, é que transcorrido máis dun ano dende aquela, o cruceiro permanece esquecido e afastado nun recuncho dunha nave industrial. Non foron aínda encargados os estudios e traballos de recuperación da súa policromía, e moito nos tememos que o tema vai para largo.

Posiblemente aínda teña que pasar un tempo para uns curto e para outros desesperante ata ver repostos como Deus manda, o cruceiro e a talla. De momento temos novas de que por parte do Concello de Agolada xa se iniciaron os trámites para que Patrimonio realice os traballos necesarios de recuperación da policromía e a súa reposición, así que agardaremos que pstraballos que se teñan que realizar, sexan sinxelos e rematen pronto.

Compartir el artículo

stats