Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Virxe de Peregrina de Obra compite en antigüidade coa de Pontevedra

A parroquia cruceña celebrou a súa festa e a de Corpus Christi

Na imaxe superior, procesión ao redor do templo parroqual de Obra. Á dereita, talla da Virxe da Peregrina. // D.G.A.

Santo Tomé de Obra é unha pequena parroquia do municipio das Cruces de pouco máis de medio cento de habitantes, que coas súas terras forma como unha pequena península rodeada polas augas do Ulla que aquí salva a Ponte de Remesquide, que agora é de formigón logo de deixar fóra de uso a de madeira, hai pouco mais de trinta anos, e serve de unión entre as provincias de Pontevedra e A Coruña.

Os poucos veciños que viven na parroquia xunto con outros establecidos dende hai anos, en vilas e cidades de Galicia, que se achegan os fins de semana e aínda algúns que dende outras provincias de España e mesmo do estranxeiro veñen pasar aquí as vacacións de verán, teñen media ducia de festas ao longo do ano de entre as que destaca sobre todas elas a dedicada a Virxe da Peregrina que se venera dende tempo inmemorial. Nesta ocasión celebrouse a pasada fin de semana, con misa solemne e procesión e as orquestras Alba e M-5 Galicia que correron coa sesión vermú e a verbena no campo da festa da parroquia. E na xornada do domingo, dedicada ao Corpus Christi cos mesmos actos relixiosos, a parte musical correu a cargo do trío Manhattan, que amenizou a sesión vermú e a festa da espuma na Illa de Remesquide, que tamén vai ser escenario da "churruscada" que teñen anunciada para este domingo. Non son as únicas festas que se celebran na parroquia como indicamos, xa que tamén fan con maior ou menor concorrencia as do seu patrón San Tomé, a Virxe do Carme, o Sagrado Corazón, Santo Antonio e a Virxe do Rosario.

"Esta imaxe é mais antiga ca que se venera na cidade de Pontevedra" dinos o noso informante Xosé Manuel Aguiar, un servizal veciño que fai as veces de sancristán. "Esta é de madeira dunha soa peza e a de aló é das de maniquí que visten con distintos traxes. A nosa pode ser do século XVII de cando se fixo a igrexa. E o sulto tamén debe ser daquela". A Virxe da Peregrina seica é avogosa e auxilia aos emigrantes, aos militares e aos camiñantes: -" Cando a guerra do 36 - dinos Aguiar- cada familia de Obra que tiña algún soldado na fronte, púxolle unha vela a esta Virxe e non houbo ningún morto da parroquia". Mágoa que non puideramos comprobar a antigüidade que nos refire, xa que o "Libro de Fábrica" desta igrexa gárdase no Bispado de Santiago, do que depende esta parroquia da ribeira do Ulla. A Virxe da Peregrina que ten o seu altar propio nun lateral da nave da igrexa, pode competir en antigüidade coa da patroa da provincia, que ten santuario en Pontevedra dende finais do século XVIII, sendo réplica da que se venera na cidade leonesa de Sahagún, onde a Peregrina tamén é patroa. Na comarca de Deza, que saibamos, esta celebración é única na actualidade, aínda que en tempos a Peregrina tamén tivo culto na igrexa de Botos (Lalín) en cuxa sancristía se garda unha talla semellante a esta de Obra, segundo nos informou o noso colaborador Uxío Silva, e tamén na capela da Pascuilla de Lamas en Noceda (Lalín), hai outra imaxe, réplica da de Pontevedra que sae en procesión coa Virxe do Remedios que é a titular.

Contan os máis vellos que a pedra para construír a actual igrexa de Obra, veu do desaparecido mosteiro que fundado no século XI, houbo no lindeiro coa parroquia de Brandariz, dedicado aos santos Miguel e Cibrao. Aínda fican restos del en Millorás, no Coto Grande, preto do Pego da Sal onde os frades tiñan a pesqueira do Sal e no que os veciños pescaban troitas, anguías e lampreas deica hai poucos anos. Na igrexa actual pódense ollar varios elementos románicos como unha fermosa cruz antefixa que coroa a porta que dá acceso ao recinto sagrado, o interior dá a porta lateral, semicircular e con tímpano liso e a pía bautismal. Contan as crónicas que o arcebispo Xelmírez desfixo a primitiva capela de "Sancto Thomas de Ouria", porque estaba caendo de vella, e mandou construír unha nova, derruída a finais do XVII.

En 1881, segundo reza unha inscrición que se pode ollar no lintel da porta principal, a igrexa foi ampliada tal e como chega aos nosos días.

Compartir el artículo

stats