Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mónica Caamaño Barral: "Diríxome aos alumnos sempre en inglés e non saben se falo máis idiomas"

"Moitos pais de alumnos en primaria xa me din que os fillos teñen máis nivel ca eles"

Mónica Caañamo (á esquerda), durante unha excursión cos alumnos a Madrid.

Aprender a falar en inglés é unha tarefa que temos pendente dende que somos pequenos, sobre todo conseguir comunicarnos con soltura. Para algúns profesores como Mónica Caamaño Barral, mestra canadiense, aprender unha nova lingua baséase en practicar a fala e ampliar de maneira constante o vocabulario. Un método que dende fai oito anos aplica con éxito no C.P.R. Plurilingüe María Inmaculada de Silleda.

-Cantos anos leva aquí en Galicia? Cales foron os motivos polos que cambiou de país?

-Cando tiña 33 anos decidín vir para Galicia, sobre todo porque os meus pais son de Carnota e de Muros e eles xa estaban aquí. Ademais, a min apetecíame cambiar de aires e probar experiencias novas, e ao ter xa a nacionalidade española foi todo máis doado.

-Cando chegou a Galicia xa comezou a dar clases?

-Non, cando cheguei pensaba que co meu título de Canadá xa podía dar clases pero non foi así. Tiven que homologar o título durante un período de dous anos e despois xa comecei a traballar en Silleda.

-Cantos anos leva no colexio María Inmaculada?

-Levo xa oito anos. Primeiro traballei como auxiliar de conversación mediante unha axuda da Xunta e despois xa me foron dando horas como mestra.

-Cando chegou ao colexio como era o nivel de inglés dos nenos? Cre que houbo evolución?

-Realmente ao principio eu non podía comparar o nivel dos nenos xa que era o meu primeiro traballo.Pero si que notei que, ao longo dos anos, o nivel aumentou.

-Que actividades realizan para que os nenos se familiaricen co inglés?

-Na materia de inglés temos moitas actividades. Para os máis pequenos, empregamos as cancións para que practiquen a pronunciación e sexa máis lúdico. En primaria, mediante conversacións entre equipos de dous alumnos, teñen que aprender a presentar o diálogo que aparece no manual, inventar unha historia dende cero ou cambiar algunhas partes. Eu diríxome a eles sempre en inglés polo que os nenos non saben se falo tamén galego ou castelán, aínda que os alumnos da ESO empezan a sospeitalo. Eles xa se acostumaron a que lles fale nese idioma.

-Canta importancia ten o oral dentro da súa materia?

-Eu adoito empezar as clases con 15- 20 minutos de oral empregando o vocabulario e a gramática do tema. Así é unha forma de practicar a fala pero tamén memorizar o vocabulario e a estrutura da oración correspondente. Para min aprender un idioma é ter que falalo, pero ás veces con grupos de 20 alumnos é complicado compaxinar todo. En xeral, participan bastante e están contentos con este método. Despois por suposto, á hora de facer o examen escrito tamén hai unha parte de speaking. Mesmo fomos durante catro días de excursión a Madrid e estívenlles falando todo o tempo en inglés.

-En secundaria e en bacharelato empregan os mesmos métodos de aprendizaxe?

-Nesos cursos imparte clase outra profesora, pero temos uns métodos moi semellantes. Ela tamén fai moitas actividades para practicar a parte oral porque ten que preparar ao alumnado para a entrevista na materia de inglés na ABAU. Antes isto non se avaliaba pero nós seguiamoslle dando á fala a mesma importancia ca agora. Despois este esforzo si que se reflexa nas notas da selectividade.

-Os pais están contentos con esta maneira de ensinar?

-A maioría están moi contentos con este método de ensino e danse conta do nivel de inglés que teñen os nenos. Algúns pais xa me din que lles costa axudarlles cos deberes porque os seus fillos xa teñen máis nivel ca eles.

Compartir el artículo

stats