O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten pechada a segunda fase do Verán Cultural 2019, que se celebrará ao longo do presente mes en Carballedo e a súa contorna e que contará con 14 actividades de lecer que se desenvolverán en once xornadas. A tradicional programación estival arrancará este venres 9 de agosto coa feira mensual e prolongarase ata o vindeiro luns 19.

Tras a primeira xornada co mercadiño, o sábado 10 celebrarase a terceira edición da Baixada de Carrilanas de San Xusto -con inscricións abertas ata o día anterior- ás 16.00 horas e o arranque do Torneo de Fútbol de Veteranos dende as 19.00 horas no campo das Extremas. Para completar a primeira fin de semana, o domingo celebrarase unha actividade de rastrexo con brúxula e GPS que comezará ás 11.00 horas na Praza do Concello.

A semana central do Verán Cultural arrancará o luns coa proxección de cine "Hotel Transilvania 3" ás 21.30 horas na Praza da Biblioteca e, ao día seguinte, terá lugar a primeira sesión de teatro coa representación da peza "O pozo das señoras", da compañía Rinlo e Penadique, dende as 20.00 horas na Praza do Concello.

No ecuador da semana, o mércores 14 haberá a tradicional churrascada organizada pola Asociación Cultural de San Miguel de Carballedo seguida do concerto de La Franga, sobre as 21.30 horas, na Praza da Chan. Á mesma hora continuará a competición de fútbol veterano.

Andaina

O xoves 15, xornada festiva, celebrarase a actividade "Camiñando baixo as estrelas", que consistirá nunha andaina nocturna e visita ao Observatorio do Coirego con saída ás 21.00 horas da Praza do Concello e, xa o venres de San Roque, terá lugar a tradicional ofrenda floral a Ricardo Portela diante do seu busto e un posterior festival folclórico coa actuación dos grupos locais Os Trazantes de Tenorio, Os Abrentes de Cerdedo, Foula e Os Afoutes do Canón de Pau.

O sábado 17 será o Día do Neno, que comezará ás 16.00 horas na Praza da Chan e que contará con inchables, varredora humana, A Illa do Tesouro, e pista de obstáculos.