Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As feiras no Concello da Estrada (III)

No Foxo celebrábase unha feira inmemorial o primeiro de cada mes e despois de 1899, unha segunda o 15 de cada mes

// Arquivo de Marisé García

No catastro de Ensenada, anos 1752-53, cítanse as feiras de "Foxo, términos de la feligresía de Ancorados, y se hace el primer día de cada mes. Otra que llaman de la Pica, términos de San Miguel de Moreira, la que se hace el día 23 de cada mes. Y la otra que llaman de la Pena términos de Santa María de Rubín, la que se hace el día último de cada mes, y en ninguna de ellas se cobra alcabala ni otro derecho fuera del que llaman del Peso, por cuya razón se cobra un ochavo por cada libra de lino, hilado o por hilar, que venden en ellas los que son de fuera de esta jurisdicción de Tabeirós".

No Foxo, en efecto, celébrase unha feira inmemorial todos os primeiros días de cada mes. Porén os veciños no ano 1899 solicitan ao Concello a creación dunha nova feira todos os 13 de cada mes no pobo do Foxo, pois alegan que, tendo lugar o 14 outra en Bandeira, esta sería moi beneficiosa. O Gobernador Civil, non autoriza esta feira e esta liorta chega aos xulgados, o certo é que a feira concédese pero a súa data de celebración será o día 15 de cada mes.

A importancia desta feira pode medirse polo imposto que se cobra, tanto en 1916, como en anos anteriores, por matar reses de gando vacún, xa que en o Foxo é de 300 pesetas anuais, fronte ás 100 pesetas que se cobra na feira de Codeseda.

Sabemos pola sesión plenaria de data 14 de xullo de 1894, que no Boletín de Vendas de Bens Nacionais aparece o anuncio para a venda da "Dehesa Nacional do Foxo". Apela o Concello da Estrada, alegando que desde tempo inmemorial o día primeiro de cada mes unha feira de gando e mercadorías se vén celebrando no chan da devesa do Foxo. Remitíselle á Administración de Facenda para que se poña como condición na puxa o uso de aquel dereito.

A Igrexa non tardou en meterse a fondo nas feiras e así na sesión de 24 de novembro de 1894 dise que o arcebispo de Santiago demanda concurso ao Concello para cambiar as feiras e mercados para os días non festivos. Isto repítese no ano 1921, pero agora o que impón as ordes é o Gobernador Civil, cerrando os establecementos os días de feira que cadren en domingo ou festivo. De novo recorre o Concello contra esta Circular publicada no Boletín Oficial, alegando que este motivo fixo que un bo número de labradores e colectividades protestasen ante o Concello estradense, dada o costume que ten de concorrer ás feiras e mercados nas datas fixadas para a celebración de feiras e mercados cuxa variación causaría gran perturbación, especialmente nos concellos de poboación rural diseminada. Considérase que a feira que todos os días primeiros de cada mes se celebra no Foxo desde tempo inmemorial é das máis concorridas da comarca e se non se poden poñer á venda as diversas mercancías, que ata agora son de gran importancia, rebaixaría ou anularía a existencia a feira. Así chegamos á sesión de 20 de agosto de 1922, e velaí o que nos di: Orde do sete do actual, autorizando a celebración da feira como tradicionais o primeiro día de cada mes, non autorizando a do día 15 por non considerala de carácter tradicional.

Chegamos ao remate da feira do Foxo, redactando a sesión do 3 de febreiro do ano 1959 : "Dereito Real na celebración da feira na parroquia de Rubín de este Concello e Ancorados San Pedro, denominada "Feira do Foxo" sobre carballeira na parroquia de Rubín de trinta áreas de superficie que linda Norte, herdanza de Antonio Neira y outros; Sur, Casa de Manuel Batan Porral e Xosé Mella Louzao; Este camiño que vai do Foxo o lugar de Brei; e Oeste, casa de Xosé Brea e terreo do mesmo. Dita finca e propiedade proindiviso de Manuel Batan, Xan Antonio Bascuas Giadanes, herdeiros de Xesús Trigo, Antonio Iglesias, Antonio Neira, Máximo Nogueira, Xosé López Rodríguez, Manuel Calvo Besteiros e Xosé María Gómez. Natureza de dominio, Dereito real de celebración de feira de ganados os días que exista a mesma autorizada ou se autorice no sucesivo por o Concello nun Órgano administrativo competente".

O Foxo tivo outra feira denominada de Santos, que xa se celebraba no ano 1892, permanecendo activa ata finais dos anos sesenta do século pasado.

Compartir el artículo

stats