Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alejandro Brey: "Intentamos recrear o que eran as festas na aldea de antes, pero dándolle un toque 2.0"

As Nosas Músicas de Couso celebra unha nova edición e con ela volve a unir xeracións grazas á tradición

Alejandro Brey, á esquerda, acompañado de dous dos seis integrantes de A Xesteira. // Bernabé/C.M.V.

As Nosas Músicas naceu en 1996 en Couso como unha alternativa ás verbenas que invadían e animaban ás aldeas durante os meses estivais. Ademais diso, pretendía -e pretende- ser unha homenaxe á música tradicional galega. Desta maneira, dende finais da década dos noventa, a localidade acolle anualmente unha nova edición do festival cuxa organización corre a mans da asociación A Xesteira, que ademais conta coa axuda de veciños e veciñas espallados por toda a parroquia estradense. Neste verán, a cita terá lugar o vindeiro mércores 14 de agosto e dispoñerá para aqueles que se animen a asistir unha oferta musical con diferentes grupos que teñen como bandeira a tradición. Entre estes atópanse a Requinta de Xián, Melidaos, Os da Porfía, Comando Curuxás, Os Campantes da Baña e Fanfarria Takikardia acompañados de Art-Monium. Así mesmo, haberá obradoiros de baile e xogos para os máis cativos -e non tan pequenos-- e gastronomía para encher os bandullos. Tamén se fará a entrega do IV Premio As Nosas Músicas nesta vixésimo cuarta entrega.A Xesteira, integrada por seis membros, entre os que se atopa Alejandro Brey, apura o traballo.

-Cando naceu a asociación A Xesteira e en que contexto? Que relación ten con As Nosas Músicas de Couso?

-A asociación naceu no ano 1996, fai agora 24 anos. Naceu máis ou menos coa celebración do primeiro festival en Couso. De feito, a asociación creouse a raíz de que ese ano, se mal non recordo, non houbera festa na parroquia. As Nosas Músicas creouse con intención de facer un cambio a todas estas festas que se estaban facendo na aldea animadas por orquestras. Aínda que o feito de que a música evolucione é algo natural no seo dunha sociedade, estábase perdendo a esencia das festas de antes. Por iso intentamos recrear dalgunha maneira o que eran as festas na aldea de anos atrás pero situándoas no hoxe en día. Dándolle un toque 2.0, por dicilo dalgunha maneira.

-Poderíase dicir, entón, que A Xesteira naceu con idea de promover a música tradicional e as festas de aldea de décadas pasadas?

-Si, búscase promovela, aínda que cando naceu a A Xesteira non se sabía moi ben a finalidade. É dicir, a nosa asociación era precisamente para organizar a festa. O que pasou é que a raíz de aí foron saíndo moitas máis cousas ata o día de hoxe. O festival non empezou como é na actualidade que está cheo de actividades e obradoiros. Daquela, na súa primeira edición, o que se fixo foi organizar catro concertos á noite a mans de catro grupos e que ao final eran grupos de aquí da contorna da Estrada.

-Quere dicir isto que cos anos foise diversificando a oferta musical e logrando máis éxito?

-Non. Pero si é certo que, por exemplo, a música valeu para que en Couso, que naquel momento non había redes sociais, chegaran cousas novas ata o lugar. Non é como agora que coas redes sociais toda a información se espalla moi rápido. De feito, eu recordo que de cativo, cando era un rapaz, e estou falando igual do ano 2000 ou uns anos máis adiante, de repente na túa aldea chegaban cabezudos botando chispas e facendo malabares ou con malabaristas diante deles. Aquilo era como: deus! Conforme o vivín eu como un cativo, igual o puido vivir unha persoa da aldea de sesenta anos que nunca saíra de Couso ou que non tivera a oportunidade de ver nada semellante. Ao fin e ao cabo naceu para iso, para levar á aldea cousas que igual estaban pasando noutros lugares.

-As Nosas Músicas de Couso sempre conta cunha oferta variada de música tradicional. Sen embargo, semella que hai un interese especial na tradición, tanto musical como cultural, da Estrada. A que se debe este feito?

-Débese en parte a que moitas veces intentamos traer á festa a grupos que, ou pola súa capacidade ou polo seus recursos, moitas veces non poden saír más alá da Estrada, Teo ou Santiago. Entón o que intentamos moitas veces é que esas pequenas agrupacións que están aí, que existen e que fan un grande esforzo dentro da cultura e tamén pola preservación da música galega, teñan a oportunidade de poderse mostrar dalgunha forma.

-Cren que é importante que estas xornadas de música cheguen a todo tipo de público e non só a audiencia dunha determinada idade ou a veciños da parroquia de Couso?

-Cando naceu a festa en si, era para traer á aldea cousas que antes nunca se viran e tamén para ensinar. Na actualidade, intentamos facer unha festa na que haxa actividades para todos e todas, dende cativos ata maiores. De feito, unha cousa que sen pretendelo creamos foi un obradoiro que levamos xa facendo bastante tempo. Este é un obradoiro de xogos tradicionais como poden ser os zancos ou o aro. O bonito é ver a un cativo de hoxe en día aprender a usar o aro, ou a roda como se lle chama noutros lados, e ao seu avó que xogaba de pequeno ensinándolle como se fai ben. Ao final aí estás unindo xeracións. Ou que a avoa dun veciño de Couso ou de San Xorxe estea sentada nunha cadeira ás nove da noite porque non aguanta de pé pero que está vendo a festa co seu neto que ao mellor está bailando cunha cervexa no medio do campo. Entón, o que se está facendo é unha festa para todos e todas sen excluír a ninguén que é o máis importante para nós.

Compartir el artículo

stats