Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santa Mariña, a capela que xurdiu dun enclave romano

A ermida de Graba, na que se atopou no século XX unha ara votiva, acolle a romaría da mártir galega desde época inmemorial

Santa Mariña, a capela que xurdiu dun enclave romano

A romaría da Santa Mariña congregou a moitos veciños das parroquia lindeiras e mesmo da vila de Silleda que xa a primeira horta enchían a capela para celebrar o último dia da novena e a primeira misa da xornada. A solemne foi oficiada polo cura reitor do Corpiño, José Criado Sánchez, nativo desta parroquia de Graba, e a continuación a procesión coa Santa ao redor da capela con volta polo cruceiro. Logo houbo sesión vermú no recinto da capela amenizada polo grupo de gaitas Son da Fervenza de Escuadro, que tamén interviñera na misa solemne. Pola noite, no campo da festa da parroquia, verbena coas orquestras Cinema e Ciclomanía. Anos atrás á romaría acudían moitos ofrecidos que deixaban importantes esmolas coma obxectos de ouro e prata, cartos e outros en especie e, logo de cumprir coa liturxia, ficaban para xantar nas carballeiras que rodean a ermida e mesmo o fogueteiro tiña lugar sinalado nun cotarelo rochoso a medio camiño co lugar de Tixoa, para facer estoupar a pólvora.

Ara romana

A capela actual non ten maior mérito artístico, logo de que fora refeita e ampliada a primeiros do presente século e da vella só conserva a espadana e unha pía bautismal. Precisamente cando se fixo a reconstrución localizouse chantada na parede da ábside a celebre ara romana que no ano 1902 sería doada polo Marqués de Riestra ao Museo de Pontevedra, onde se exhibe na actualidade. Un ano antes interpretaraa o sacerdote e historiador Antonio Oviedo Arco: Ara dedicada a los Lares Violes. Publico Octeto cumplió so voto con animo compracido. O achádego desta ara votiva, dedicada aos deuses dos camiños romanos, sinala a existencia dunha ermida máis antiga posibelmente construída sobre un lugar de culto pagán ou unha vila romana nos séculos II ou III, a beira dunha calzada que chegaba das terras de Caldas por Tabeirós para continuar cara a Lugo, segundo recolleu nun amplo traballo o profesor lalinense Antonio Vidal Neira. Non foi esta a única ara atopada na comarca de Deza: no Museo Municipal de Rodeiro gardase outra procedente de Santa Baia de Camba, que estaba anos atrás na casa reitoral e tamén en Moimenta e Ferreiroa que se expoñen no Museo de Pontevedra.

Algunhas canterías ben labradas da antiga capela ollámolas tempo atrás no palco da música, antes de que as hedras as cubrisen, e na eira dun veciño unha rústica pía bautismal facendo de bebedoiro para as galiñas. Merece mención o retablo, posiblemente do século XVII, máis antigo ca actual capela, ao igual que as imaxes da Santa Mariña, coa palma, o forno e a pomba nas mans en referencia ao seu martirio; flanqueada pola Virxe do Rosario e Santa Lucía, dúas tallas que semellan do tempo do retablo, ao igual ca unha ben labrada cruz procesional. Máis recente é a imaxe da Inmaculada, que precisa unha restauración e que aínda hai poucos anos saía na procesión acompañando a Santa titular. Formando conxunto coa capela hai un cruceiro coa imaxe da Santa Mariña no fuste que tamén as debeu ter imaxes na antiga cruz que foi substituída por unha exenta en tempos recentes.

Fervenzas, muiños e minas

A parroquia merece unha detida visita para ollar as súas fervenzas, muíños, pontellas e mesmo a antiga central eléctrica no río Toxa, o carón do que tamén estaban as minas que estudou anos atrás Carballo Arceo e os lavadoiros de mineral de ouro, prata ou estaño que buscou sen resultado Pedro González no século XVIII. As ruínas da torre do Coto do Castelo, a igrexa parroquial do século XVIII co seu cruceiro e restos do antigo templo románico reutilizados nos arredores, o peto da Virxe a pé da fonte lavadoiro, a capela do San Sebastián en Vilar, ou as alvarizas son algún dos recursos patrimoniais destas terras que pertenceron ao mosteiro de Acibeiro.

Compartir el artículo

stats