Carrusel de Berta Dávila Fernández conságrase como a novela gañadora do XXXI Premio de Novela Manuel García Barros. Así o comunicaron onte o concelleiro de Cultura, Juan Constenla; e o xurado conformado polo director de Edicións de Editorial Galaxia, Carlos Lema; a docente e crítica literaria Inmaculada Otero; a filóloga e ensaista galega Eulalia Agrelo; o crítico literario e investigador Armando Requeixo; e o profesor estradense Carlos Loureiro, que actuou como secretario.

Deste modo, a escritora pasa a formar parte do reducido podio conformado polas mulleres vencedoras deste certame. Xa formaban parte del as literatas Ana Cabaleiro que gañou na pasada edición con As Ramonas; Anxos Sumai, no 2013 con A lúa da colleita; e María Gándara, na década dos 90 con Magog.

A escritora coroouse co premio que viña de cerrar a súa convocatoria o pasado 3 de maio. Ademais, o galardón conta cunha dotación económica de 9.000 euros e coa publicación da obra en Editorial Galaxia.

Nada en Santiago de Compostela, Berta Dávila leva recollendo éxitos e publicando -poesía e narrativa- dende moi nova. Así mesmo, xa chegara á Estrada fai máis de dez anos para recibir o galardón de poesía Avelina Valladares polo poemario titulado Dentro. O seu último logro foi o galardón de narrativa breve organizado por Repsol no 2013, co título O derradeiro libro de Emma Olsen.

Desta volta, retorna ao municipio estradense cunha peza de narrativa curta. Carrusel é unha novela en galego -tal e como se require dende as bases do premio- que desborda forza literaria por todos os seus parágrafos e que mostra uns "ollos cargados de esperanza", que favorecen un discurso moi visual. Así foi como integrantes do xurado definiron a obra gañadora.

A peza é unha retrospección da propia narradora, na que pretende conectar co lector e saldar as contas co seu pasado e todo o que nel habita, incluídos os seus familiares. Ademais, a sensualidade e ciencias como a numeroloxía e as matemáticas gañan grande importancia no argumento da novela. Aínda máis, a reflexión sobre estas ramas do coñecemento trasládase até a propia estrutura do libro, que describen dende o xurado como moi marcada.

As liñas de Berta Dávila foron caracterizadas polo xurado como ambiciosas, xa que chegan a ter unha linguaxe propia e "un mundo filtrado a través da súa vida". Ademais, destacaron favorablemente o abundante número de personaxes femininas moi desenvolvidas coas que conta o argumento.

Catro gañadoras

Catro mulleres con catro novelas moi diferentes, con recursos narrativos incribles pero diverxentes entre si. "Únese á nómina despois de anos de sequía", comentaron dende o órgano deliberador facendo referencia ao escaso número de obras escritas por mulleres coas que conta este galardón. Ademais, os seus membros recordaron a importancia de que fose unha muller a gañadora deste premio García Barros e que se sumase ao tridente conformado por Cabaleiro, Sumai e Gándara.

Cada vez hai unha maior toma de conciencia sobre a posición que a muller ocupa na sociedade e así se está mostrando nos diferentes campos da cultura."Debemos ocupar por nós mesmas os espazos propios. O literario é un deles", insistiu a vencedora tras ser coñecedora do seu logro.