Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O San Benito de Xaxán, unha devoción que xurde no século XIX

Na capela tamén hai unha imaxe da Santa María da Saleta pola que tempo atrás había festa

Os devotos prenden cirios ao santo na súa capela. // D.G.A.

Poida que non sexa tan popular, milagreiro e concorrido coma os de Lérez e Paredes ámbolos dous en Pontevedra ou o de Pardesoa en Forcarei, pero tamén apaña esmolas e ofertas e atrae a moitos ofrecidos. Nós por tradición e proximidade estivemos un ano máis no San Benito da parroquia de Xaxán preto da vila de Lalín, onde houbo misas rezadas cada media hora pola maña e cantada con procesión ás doce, e logo procesión o baixo a frondosa carballeira que rodea a capela.

Esta capela que data do século XIX, garda a maiores da imaxe deste santo milagreiro, outra do San Martiño de certa antigüidade e a da Santa María da Saleta -replicando a máis celebre de Siador (Silleda) e que tempo atrás tiña festa propia-, e segue congregando a moitos ofrecidos os mais deles dende a vila de Lalín e aínda hai quen mantén a tradición de facer o camiño a pé. Semella que a devoción vai a máis, se cadra pola crise que a moitos toca padecer, e non faltan algúns ofrecidos que acheguen capóns, cacheiras, lacóns, ovos ou exvotos de cera, aínda que agora o que mais se estila son os cirios e as esmolas en diñeiro que os da familia do Fidalgo propietaria da capela, recolle para arranxos que precisa o templo e os gastos da celebración.

Formando conxunto coa capela e na mesma carballeira, está a igrexa dedicada a Santa María da Saleta patroa da parroquia dende a súa creación 1881. Daquela derrubouse a antiga igrexa de San Cristovo da Pena, situada no lugar do Cotiño onde ficaron un sartego antropomorfo escavado na pedra e os restos da cimentación. Da vella igrexa da Pena, deberon vir algunhas das imaxes que se mostran no retablo da actual: San Antonio, San Andrés, San Brais, Santa Lucia, San Caetano, ou a Virxe da Candeloria. Máis recentes son a do propio San Cristovo, a do Sagrado Corazón, ou a da Virxe do Corpiño, replica da que se venera no celebre santuario de Losón, que a mediados do pasado século tivo romaxe propio, pero non chegou a prender e agora sae en procesión acompañando o San Cristovo.

O San Cristovo

Os veciños, no día de onte, festexaron ao San Cristovo con misa solemne a unha na igrexa parroquial, procesión motorizada que saleu pola estrada de Brántega percorrendo a parroquia e a vila de Lalín e de volta no recinto do centro social houbo bendición de vehículos, concerto e pola noite verbena coa orquestra Fin de Siglo e o dúo Tentación. Antonte tiveron a Festa da Fartura con chourizos e torresmos e logo verbena con Pachi e Montse e a charanga Ardores e para pasado os ramistas programaron outra xornada festiva con misa campestre onda o centro social e de seguido sesión vermú coa charanga Leña Verde.

No municipio de Lalín tamén se honra a San Benito ou San Bieito en Castro de Arriba (Vilatuxe) onde ten a súa capelanía que celebrarán festa esta fin de semana, mentres que en Prado onde o santo chegou a ter unha confraría e na Xesta onde tiña unha capelanía, xa non se celebra festa ou quedou reducida a un xantar veciñal.

Os veciños de Xaxán tentan recuperar o campanario de forxa que se garda na igrexa parroquial, pertencente ao antigo templo e xa contan co permiso do Bispado de Lugo, para colocalo axiña na entrada da carballeira, en lugar visible e conveniente para que sirva de sinalización da capela do San Benito e da igrexa parroquial. Levaran a proposta ao Concello que preside o alcalde Crespo Iglesias, nativo desta da parroquia e contan que non lles vai faltar o apoio institucional para sacar adiante este sinxelo proxecto.

Compartir el artículo

stats