Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O San Cristovo en Martixe

A celebración compite en participación e animación coa da Bandeira

Sesión vermu con pulpo e concerto da Banda de Silleda. // D.G.A.

Ten mérito o labor da Asociación Gaiteiros da Pereiriña de Martixe (Silleda) que preside Evaristo Rey, que entre outras actividades corre coa celebración da festa do San Cristovo, patrón da parroquia con bendición de vehículos dende hai vinte anos, que compite en participación e animación coa da Bandeira, que tivo o pasado domingo festa e procesión tamén con bendición de vehículos e coa de Xaxán en Lalín, que este ano foi trasladada ó próximo domingo. Non é labor doado xuntar os cartos precisos para a festa entre os pouco mais de noventa habitantes da parroquia, polo que é preciso facer o petitorio nas vilas de Silleda e A Bandeira e nas parroquias veciñas que achegan a metade do presuposto. E non é a única festa da parroquia, xa que coa veciña de Ansemil, coa que comparten centro social e recinto festeiro, fan anualmente a esta dos callos no mes de abril con grande concorrencia.

No propio día do San Cristovo, houbo misa cantada oficiada polo párroco José Katanga e de seguido, procesión co santo patrón dos condutores, deica o cruceiro con retorno a igrexa e no medio a bendición de mais dun cento de vehículos. Logo a sesión vermú servizo de pulpeiro e concerto da Banda de Música Municipal de Silleda e pola noite verbena co grupo Aturuxo e a orquestra Metropolis.Na xornada de onte, xoves houbo celebración relixiosa con misa e procesión nesta ocasión con San Antonio e a Inmaculada o concerto da banda de Silleda.

Para o domingo vindeiro, as oito da tarde teñen anunciada a celebración do Corpus Christi e o centenario da Misión que os Pais Redentoristas impartiron na parroquia en 1919, da que quedou lembranza nunha cruz de madeira que colga dunha das paredes laterais e que os veciños rehabilitaron recentemente, ademais de facer un novo altar aproveitando a pía bautismal da antiga igrexa románica que se atopaba no exterior e outras obras de mellora no templo nas que investiron mais de dous mil euros, malia que algúns traballos foron prestados gratuitamente.

A igrexa de Martixe foi refeita a finais do século XIX en sobrio estilo barroco, sendo ampliada posteriormente, sen que conserve da primitiva románica mais ca pía bautismal. No adro, quedan restos do antigo altar de pedra e tamén dun sepulcro medieval que está dado a volta O retablo lateral ben tallado e de certa antigüidade, está dedicado á Inmaculada e no altar principal, que preside o patrón San Cristovo, están tamén as imaxes da Virxe do Rosario, a do Socorro, San Antonio e San Roque.

Na parroquia non hai casa reitoral, xa que o cura moraba na de Breixa pero preto da igrexa hai unha vella casona con portalón baixo a parra, lagar, hórreo e pombal, que forman con esta un fermoso conxunto. Non lonxe da igrexa, fican os restos da telleira que funcionou na parroquia e o carón do regato local, vestixios dunha fundición de estaño de tempos prehistóricos, dos que habemos dar conta con detalle nunha próxima reportaxe.

Compartir el artículo

stats