Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O artesonado da igrexa de Dornelas, ao pé do Camiño

É a mellor obra de carpintería de armar de todas as existentes nas igrexas do concello e da contorna con cobertura de madeira

O artesonado da igrexa de Dornelas, ao pé do Camiño

Dornelas comparte coa parroquia de Santa Baia de Cira o suave declive das terras do municipio cara ó cauce do Ulla e as dúas dependeron sempre da arquidiócese de Santiago, sendo as demais vencelladas á diócese de Lugo. Incluso o Couto de Cira tiña xurisdición sobre Dornelas ata o século XVIII.

Como xa se ten dito, Trasdeza é atravesada polo Camiño Mozárabe e Camiño de Inverno, durante 20 quilómetros aproximadamente, desde o 46,327 (Taboada), sendo precisamente Dornelas o punto máis extremo onde figura o marco xacobeo máis occidental, a unha distancia da Praza do Obradoiro de 26,762 km. Estamos, pois, diante do último enclave relixioso do concello no Camiño de Santiago. Así mesmo, conta cun albergue público de 36 prazas máis outros catro privados con esa categoría, situados á beira do Camiño. Por descontado, o sector hosteleiro e, en determinados casos, o propio Concello, ofrecen outras alternativas para atender as demandas dos peregrinos.

Da súa antigüidade dá conta, por unha banda, a advocación ao seu patrón, San Martiño, e, por outra, como monumento relixioso por excelencia, a igrexa, do século XII, que, entre outras cousas, conserva dúas portas de estilo románico e un Agnus Dei no testeiro, da mesma época. Aínda máis, mantén unha ábsida semicircular, que en Trasdeza só existe na actualidade no románico Mosteiro de Carboeiro, anque, como me informa o cronista Don José Espiño Matos, tamén a igrexa de Manduas dispoñía dunha estrutura semicircular ata o 1922, en que foi transformada.A dicir dalgúns estudosos, como Armando Vázquez e Daniel González Alén, atopámonos diante dun exemplar do románico rural compostelán, do que a data figura nun lateral e que sobresae polas influenzas que recibiu dos canteiros e mestres santiagueses, artífices das construcións relixiosas da cidade que máis arte e bo facer irradiaba.

O motivo de traer o monumento ata estas liñas está en que un dos traballos que máis impacta non se pode ver desde fóra. Trátase do artesonado que cubre a nave eclesial na súa totalidade. Sen lugar a dúbidas, é a mellor obra de carpintería de armar de todas as existentes nas igrexas do concello e da contorna con cobertura de madeira. Se os canteiros teñen o oficio do traballo en pedra, con esta realización os carpinteiros demostraron estar á mesma altura profesional. É unha estrutura reticular de moi boa calidade, feita en madeira de castaño sen policromar e cun valor artístico e monumental sen precedentes na artesanía do concello.

Se ben foi no século XVI cando se comezou a usar de forma masiva na península o artesonado de claro estilo español con influencias do múdexar, o presente de Dornelas foi elaborado, posiblemente, entre os séculos XVII e XVIII, segundo se desprende dos libros de fábrica aos que puiden ter acceso no Arquivo Histórico Diocesano de San Martiño Pinario, escapando das tramas hispanomusulmanas e ofrecendo unhas estruturas reticulares distintas que se integran dentro da coñecida como carpintería de armar. Teño que dicir que no Arquivo de San Martiño Pinario de Santiago hai un libro que, dado o seu estado, non se pode tocar, permitíndome investigar noutros tres, de períodos que van desde o ano 1715 ata 1914.

A cuberta está dividida en tres tramos que perseguen, e á vista está que o conseguen, substituír as bóvedas de aresta e de canón por un teito plano adornado con diferentes molduras en madeira ademais dunha cúpula. Lógrase o efecto estético de evitar a altura do tellado e de tapar a cuberta fría e desanxelada a dúas augas, propia destas construcións.

A cúpula, situada enriba mesmo da tribuna e colocada no primeiro tramo, segundo se entra na igrexa, está constituída por un oco sen ventás con base octogonal con remate nun máscarón que funde as nerviacións.

A medida que se vai entrando e de seguido da cúpula, o teito aparece agora realizado en dous entramados decorativos entre as vigas de substentación, deseñados con molduras de distintas trazas, rematadas nos seus vértices con medallóns, xa en forma de estrela de seis punta (doce completos e oito por metades), xa en estrela de catro puntas adornadas con volutas vexetais nun número de doce.

Balaustres salomónicos

Así mesmo, tamén é de suliñar a balaustrada que arrodea e circunda a tribuna con dous corredores laterais. En Dornelas optouse por un dos tipos máis difíciles. O balaustre en forma de columna salomónica, co clásico fuste retorto de forma helicoidal. No caso que nos ocupa, ata un total de corenta barrotiños aparecen dando forma á planta superior da igrexa.

As ilustracións que acompañan este traballo reflicten un artesonado único na Comarca de Deza, para goce e análise de cantos querendo velo na realidade non puideron ter acceso. Esperando que con motivo do Xacobeo 2021 unha boa política de portas abertas permita disfrutar da arte, escultura e arquitectura executadas nestas terras polos nosos carpinteiros, desexo a todos un bo e cultural Camiño.

Compartir el artículo

stats