A localidad da Bandeira celebra hoxe a súa festa do San Cristovo, que terá como colofón o XXXIII Festival de Baile e Música Tradicional Xirandola. Amais da actuación da agrupación local ao completo, este espectáculo contará cunha exhibición a cargo do grupo extremeño Caramancho, de Don Benito (Badajoz).

A festa comezará ás 13:00 horas coa misa cantada, á que seguirá a tradicional procesión de camións e vehículos históricos. Antes do xantar de confraternidade haberá unha degustación de mexillóns e sesión vermú a cargo do dúo Nueva Era, que amenizará a verbena canda o trío Manhattan.

O festival de música e baile de Xirandola, que xa é todo un referente na bisbarra, terá lugar ás 19:00 horas na Praza Juan Salgueiro (ou no Auditorio Municipal Manuel Dopazo, en caso de chuvia). Este espectáculo, con entrada gratuita, é aberto para toda a familia e contará coa participación do grupo de baile da Asociación Cultural Xirandola, os da súa escola e o dos "xigantes", como chaman ao de pais. Tamén actuará o grupo convidado de Badajoz.