Sete grupos de música tradicional participarán o domingo 21 de xullo na novena edición da Romaría da Fervenza, na parroquia de Escuadro. Son Gaiteiros de Barbude, Pau de Buxo, Lume na Lareira, Almuiña, Fortín da Pomba, Ponte de Prata e, por suposto,O Son da Fervenza, agrupación anfitriona.

O xantar será servido polo Mesón A Roda, de Rodeiro, a base de empanada, churrasco de tenreira, porco ou mixto, patacas fritas, ensalada, pan, postre, café con gotas e licores. O prezo é de 16 euros para adultos e 8 para nenos. As reservas xa están á venda, ata o día 19, na de Cerdeira (Escuadro) e Restaurante María Luisa; A Taberna de Graba e Restaurante A Devesa; bares Trujillo, Betty (Silleda) e Atly (A Bandeira); e La Dama del Río (O Foxo da Estrada).

Durante a xornada non faltarán xogos populares con globos ou tiro á corda. A organización, a cargo do colectivo Son da Fervenza e Cabaleiros da Fervenza, sorteará outro ano máis un pony. Tamén haberá unha concentración de motos clásicas.

Os membros da asociación organizadora presentaron o cartel no Concello acompañados polo alcalde, Manuel Cuíña, e a concelleira de Cultura e Turismo, Mónica González, que destacaron o esforzo da organización deste "certame singular polo entorno no que se celebra, e que tamén un dos protagonistas desta xornada", indican.

A Fervenza de Férveda, posta en valor polo Concello de Silleda en 2013 coa creación dun roteiro e a recuperación dun lavadoiro e muíño tradicional, entre outros, é un dos reclamos turísticos do municipio. Dende a organización prégase tamén aos asistentes que se acheguen en coche que accedan o día da festa pola aldea de Férveda, para evitar colapsos.