Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luís López Diéguez: "A Deputación non pode ser a concellería de Vigo, iso non ten ningún sentido"

"Está claro que se fose pola oposición, en vez de cobrar tería que pagar por ser alcalde"

Luis López durante o acto da toma de posesión como deputado. // Rafa Vázquez

Luís López tomou posesión como novo deputado de Deza no acto celebrado antonte no que a socialista Carmela Silva volveu ser investida como presidenta da Deputación de Pontevedra. O rexedor rodeirense ocupa o posto do exalcalde de Agolada, Ramiro Varela.

-Como asume o seu papel de deputado provincial?

-Primeiro, cunha ilusión enorme, e o segundo, cunha carga de responsabilidade importante, porque fun elixido co apoio de todos os concelleiros da comarca do Deza e iso sempre imprime unha maior carga de responsabilidade.

-Como foi o acto?

-Semellante ao que se fai nos Concellos. Postulouse un candidato para a presidencia, que foi loxicamente a candidata do partido socialista, Carmela Silva, co apoio dos 13 do PSOE e os tres do Bloque.

-Sabe o que supón estar desta volta na oposición?

-Si, mais penso que desde a oposición, ao igual que pasa nos concellos, se pode traballar un montón e conseguir cousas, neste caso, para a nosa comarca. Somos o único partido con representación para a Deputación que temos un representante na nosa comarca, é dicir, o actual equipo de goberno Deza quédalle súper lonxe, porque non teñen ningún representante, e aínda por riba deben cambiar a mentalidade de pensar que teñen sobre o rural da provincia.

-Como xa dixo noutras ocasións, refírese a que deben centrarse nos pequenos concellos?

-Nos pequenos e nos medianos, porque senón xenérase desequilibrios e aquí non hai concellos de primeira nin de segunda, non se poden instaurar políticas que leven a provocar máis iso.

-Xa falou cos resto dos concellos do Partido Popular para manter algunha reunión, porque agora vostede vai ser a voz dos demais?

-Imos esperar a que sexa o pleno de organización, que de momento aínda non sabemos a data, e despois empezaremos a facer o traballo, tanto a título individual como o que é dentro de todo o grupo popular e contando por suposto sempre co presidente provincial.

-Xa sabe cal será unhas das súas primeiras reivindicacións?

-Está claro que o Plan Concellos, que é do que tanto presume a presidenta, ten que aportar máis diñeiro que acaba repercutindo na totalidade dos concellos da provincia, pequenos e mediados, non se poden repartir axudas excepcionalmente e cun claro destino que é Vigo. A Deputación non pode ser a concellería de Vigo, iso non ten ningún sentido.

-Que opina que Unidade por Rodeiro considere que vostede debe cobrar menos agora por aceptar ser deputado?

-Está claro que se fose pola oposición eu en vez de cobrar tería que pagar por ser alcalde. Isto non se enmarca máis que nunha liña de demagoxia na que vamos atacar o soldo, cando saben que son uns dos que ten o soldo máis baixo dentro da nosa categoría. O meu interese de estar de alcalde non é un tema salarial e creo que o demostrei con creces. E penso que tamén hai que valorar o dun. Se eu pido que lle baixen o soldo ao alcalde tamén é necesario mirar o dun. Neste caso, o candidato de Unidade por Rodeiro tamén cobra e el tamén pode renunciar a todo o que recibe do Concello, porque non é so o soldo do alcalde.

-Supoño que vostede sexa deputado será beneficioso para Rodeiro.

-Cae de caixón. Cando un Concello ten un representante, sexa do partido que sexa, para a administración é bo. Porque ao final, sempre imos tirar para os nosos concellos, sempre, sempre. Moitas veces hai que estar nas institucións para poder captar fondos e demais poriso non hai dúida ningunha.

Compartir el artículo

stats