A 45ª edición da Festa da Empanada da Bandeira promocionarase nos restaurantes de dous coñecidos cociñeiros. El Bohío de Pepe Rodríguez (Toledo) será a primeira parada o xoves 11 de xullo. Ata alí viaxarán o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e membros da Asociación Amigos da Empanada. A segunda cita terá lugar no restaurante de Martín Berasategui en Lasarte-Oria (Guipúzcoa). Ambos cociñeiros son recoñecidos por estar en posesión da prezada Estrela Michelín, sendo Berasategui o chef que máis aglutina de toda España, con dez. Pepe Rodríguez é popularmente coñecido pola súa participación como xurado no programa MasterChef.

O alcalde agarda que o certame gastronómico teña unha gran repercusión para poder ser declarado Festa de Interese Turístico Nacional. Pola súa banda, Andrés Seoane, presidente de Amigos da Empanada mostra o seu orgullo por ter a oportunidade de presentar esta festividade ante dous cociñeiros de recoñecido prestixio a nivel internacional.Amais, adica un agradecemento especial á firma local Frigoríficos Bandeira pola axuda prestada.

A organización leva intentando conseguir este recoñecemento dende o ano pasado para a Festa da Empanada, que na actualidade cumpre gran parte dos requisitos necesarios. A próxima edición do evento gastronómico terá lugar o próximo 24 de agosto na Bandeira, día no que celebrará os vinte anos do seu nomeamento como Festa de Interese Turístico Galego. O concurso de empanada, a cea e o tradicional pregón dado por ilustres persoeiros da cultura, a comunicación ou a política son o cerne dunha das festas máis concorridas do agosto galego.