De mañá ao domingo Lalín acollerá tres actuacións de Camiños Sonoros, a cargo do alumnado dos conservatorios profesionais de Xinzo de Limia e A Estrada e do superior da Coruña. Trátase dun programa impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo para divulgar o Camiño de Santiago a través da música e que conta coa participación de máis dun cento de xóvenes estudantes de conservatorios. As actuacións serán no Pazo de Liñares ás 20:00 horas cada un dos días.

A primeira terá como protagonistas, mañá, a seis alumnos de Xinzo de Limia: David Álvarez, Elba Vázquez, Sara Lama, Aldara Rodríguez, Nicolás Casal e Aixa González interpretarán un programa de temas para piano e frauta travesa, que inclúe composicións de Franz Doppler, Mancini, Ravel e Bizet, entre outros. Ademais, está previsto que asistan uns corenta alumnos do conservatorio limiao.

O sábado o piano encherá de sons o edificio pacego, cun repertorio completo de Franz Liszt tocado por Álvaro Sieira, do Conservatorio Superior de A Coruña. Na última cita volverá soar o piano, a mans de dous xóvenes prodixios da Estrada, Xián Fernández e Nerea Vaamonde, que intepretarán unha selección de clásicos de Mozart, Chopin, Dussek e Bach.