O encaixe "de bolillos" vense coñecendo dende tempo inmemorial como de Camariñas, vila que sempre mantivo a súa produción, ademais de ser o centro de referencia para a súa comercialización cara ao exterior de Galicia. Un labor que séculos atrás se estendeu tamén por outras vilas e parroquias da provincia da Coruña e, en menor medida, de Pontevedra e Lugo, e algunhas da raia con Portugal, puntos que tiveron neste traballo artesanal un complemento para a súa economía, fundamentalmente agrícola ou pesqueira. Hai constancia da realización de encaixes en Galicia cando menos dende o século XVI e dun período de decaimento posterior ata que a finais do século XX recobra o seu auxe, da man de moitas asociacións culturais e veciñais que contaron co apoio das institucións públicas.

Na Galicia interior tamén se traballou dende antigo esta técnica téxtil e nas parroquias da ribeira do Deza, en terras de Silleda, chegaron a constituír un oficio recoñecido e remunerado a partir do século XVIII, aínda que coa paulatina introdución da maquinaria industrial para o téxtil desde finais do XIX acabou por desaparecer. Hai pouco máis de vinte anos o encaixe foi recuperado nestas terras pola Asociación de Mulleres do Municipio de Silleda, con cursos e reunións continuadas con nutrida participación de veciños deste concello e dos lindeiros das Cruces e Lalín.

Temos documentación que proba que no século XVIII na parroquia de Taboada traballaban no oficio de palilleiras vintesete mulleres, que daquela tamén ocupaba a veciñas de Vilar e Ponte na xurisdición de Trasdeza. Tiñan como materia prima o fío do abundante liño que se cultivaba daquela en toda a comarca dezá e que dende séculos atrás se vendía nas feiras de Galicia e mesmo se mandaba para o resto de España. Tamén hai referencias de que en Toiriz (As Cruces) se celebraba daquela a "Feira das Mazarocas", especializada en la e liño, e nas feiras tradicionais da comarca instalábanse numerosos postos de venda dos tecidos e aparellos precisos para este labor e tamén para o das tecedeiras, oficio entón moi estendido e agora case extinguido en Deza. Co tempo empregaríase tamén a lan, a seda e outras fibras e xa na actualidade o algodón maiormente e aínda fíos sintéticos, mesmo dourados ou prateados.

Recuperación

Foi aló polo ano 1996 cando a entón recén fundada Asociación de Mulleres do Municipio de Silleda propoñía como unha das súas primeiras actividades a realización de cursos de encaixe entre as asociadas que, en número crecente e procedentes de todas as parroquias, se ían afiliando. Para aprender este delicado labor que require paciencia e maña, contaron nos primeiros anos coa colaboración de Emilia Faílde, de Prado, que facía de monitora, cometido que nos anos seguintes, e deica a actualidade, correría a cargo de José Llinares, un veterinario alacantino afincado dende hai anos na parrqouia silledense de Parada.

Nas dependencias da sede social xúntanse os participantes na palillada todos os luns do ano, agás nos dous meses de verán que aquece maís andar fóra e unhas merecidas vacacións. Os encaixes que elaboran nas reunións e logo rematan nos fogares, non se venden: gárdanse con agarimo na casa, con eles agasállase a parentes e amigos e, se cadra, aténdese algún compromiso ou págase un favor a quen sabe estimalo e agradecelo.

Con todo, de cando en cando a asociación organiza algunha exposición en Silleda e mesmo teñen cavilado expoñer estes delicados traballos téxtiles nos escaparates doutras vilas e cidades galegas. Poida que o Mosteiro de Carboeiro, que conta con salóns axeitados para exposicións, fora un bo lugar para unha mostra permanente deste labor artesanal que dende hai máis de tres séculos ocupou as axentes de Silleda e que a Asociación de Mulleres recuperou logo de anos de esquecemento.

Dende que en marzo de 1996 a asociación comezara os cursos de encaixe, máis dun cento de persoas asociadas teñen participado neles, as máis delas de Silleda, pero tamén doutros municipios próximos: Lalín, As Cruces ou O Carballiño. Na xornada en que visitamos o obradoiro tivemos ocasión de ollar o labor dun grupo destas palilleiras formado por Lala Trabazo, Mª Carmen Villar, Teresa Taboada, Esther Moreira, María Fernández-Sanguino, Carmen González, María José Caramés, Angela García, Ofelia Camino, Carmen González Vázquez e tamén había representación masculina, con Dani Iglesias que viña dende O Carballiño. Algunhas delas trouxeron das súas casas unha cativa pero extraordinaria mostra dos seus artísticos encaixes que adornan mantelerías, vestidos, xogos de cama, tapetes, bolsos, carteiras e abelorios, detalle que lles agradecemos e quixemos retratar a fin de que se coñeza aínda máis esta interesante iniciativa que oxalá teña continuidade por moitos máis séculos.