Igual que en anteriores edicións, o Día da Música incluiu no seu programa a presentación da Festa do Lacón. Esta cita gastronómica cumple 21 anos e terá lugar o 12 de xullo, no marco das Festas de Verán. Este ano, o cartel que deseñou David Bibián quere festexar os 200 anos da apertura do Museo do Prado, que comezou a funcionar o 19 de novembro de 1819 como Museo Nacional de Pintura y Escultura. No cartel vese un porco vestido con pantalón vaqueiro e unha camiseta coa lenda "I love Silleda", vendo cadros no Prado, e ao fondo da sala hai unha escultura, tamén dun porco.

A mensaxe que intenta enviar Bibián é quizais que o porco é cultura, cultura gastronómica. Para quen queira empaparse dela o 12 de xullo, as reservas están dispoñibles a partir de mañá luns no Bodegón de Esther, o Restaurante Ricardo e a Librería Edita. Tamén se poden formalizar chamando ao número de teléfono 653 844 183 (Luis). En calquera caso, hai que reservar antes do 9 de xullo. O prezo é de 60 euros para cinco persoas e permite degustar lacón asado ou cocido, ademais de queixo con marmelo, viño, pan, café e rosquillas. A organización calcula que acudirán entre 1.200 e 1.400 persoas, nun festexo que arrancará ás 22.30 horas na Praza Juan Salgueiro. Luis González, do colectivo, adianta que dado que xa hai interese en reservar desde días atrás, non descartan colocar un par de carpas, por se acode máis xente que en 2018.