Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha sardiña, ao prezo dun café

O quilo chega a custar 10 euros antes do San Xoán - As pescaderías alertan da venda de produto máis barato, porque é conxelado, nos supermercados

Fina Miguélez amosa as sardiñas á venta no local de Pescadeza. // Bernabé/Javier Lalín

Un baño no mar, saltar as nove olas na praia da Lanzada, lavar a cara coa mistura, en agua, dunha ducia de herbas recollidas na tarde do día 23, saltar tamén unha fogueira ou durmir cun ramiño de erbana debaixo da almofada. E comer sardiñas. Son as tradicións que hai que manter na noite do 23 ao 24, que comezou sendo unha festa pagana por ser a máis curta do ano e á que a relixión católica engadiu a festividade do nacemento de San Xoán.

Así que, como tradición, é lóxico que as sardiñas se encarezan nas xornadas inmediatas á festa. Dende Pescadeza, Fina Miguélez sinala que "levamos vendendo producto desde o luns", tanto para particulares como para asociacións (caso da de veciños de Moimenta) ou restaurantes, como o Quilómetro Cero, para o que despacharon 50 quilos. O prezo vai subindo conforme pasan os días, posto que se a semana pasada estaba a sete euros por quilo, onte este negocio xa o vendía a 8. Cada quilo adoita ter 11 ou 12 sardiñas, así que é como se cada exemplar valese tanto coma un café. Aínda así, o prezo deste ano é inferior ó de 2018. "O ano pasado nós chegamos a vendela a 14 euros", e incluso en 2017 chegou a cotizarse a 18 euros o quilo, como indican desde Pescadería Gómez, pola escasez que había daquela. Neste local da Praza de Abastos o prezo estaba onte a 10 euros por quilo.

É un produto caro en comparación co resto do ano. Pero este ano a relativa abundancia axuda a que sexan máis ou menos asequibles, e iso que tardou pola inestabilidade meteorolóxica. "Hai 15 días que comezou a vir, porque a sardiña quere calor e, en realidade, hoxe aínda non está oa. O seu punto será en xullo ou agosto, cando estea con máis graxa", indica esta pescadería, que se abastece de produto na Lonxa de Marín. Os barcos que acoden a este mercado organízanse de tal maneira que poden subministrar noutras lonxas que teñen diferentes horarios, xa que en Vigo a subasta é de madrugada e en Ribeira, a onde acode Pescadeza, comeza pola tarde pero pode durar ata a madrugada. O prezo en orixe da sardiña pode moverse nuns 4 ou 5 euros, "menos dese valor non das comprado", indica Fina Miguélez. Ao prezo que lles pode manter o barco segundo a cantidade que merquen tamén se suma o feito de que cada barco ten un determinado cupo de pesca, que non pode rebasar.

A alternativa do churrasco

O ano pasado, a escasez de sardiña cubriuse dalgún xeito con produto importado de Portugal e de Marrocos. Miguélez indica que este ano hai sardiña máis barata en supermercados, pero procedente de Marrocos e conxelada, co que a calidade xa é distinta. Ante o medo de quedar sen este manxar ou que o prezo se dispare a última hora, xa hai xente que opta por festexar San Xoan con outro tipo de comidas, entre as que adoita triunfar o churrasco.

Compartir el artículo

stats