A Romaría do Rapaz celebra a súa trixésimo primeira edición o domingo 30 de xuño no recinto da Saleta, en Siador, baixo o lema A Música. O programa amplíase este ano con máis de corenta propostas, entre espectáculos, obradoiros, actividades. Esta festa singular e única en Galicia, onde os cativos son os protagonistas, arrancará ás 11:00 horas coa apertura de obradoiros, inchables, actividades deportivas e multiaventura, que continuarán durante toda a xornada.

Entre os obradoiros figuran chapas, maquillaxe, monicreques musicais, axóuxeres reciclados, tambores con globos, pins de pandeireta, tambores chineses, heroes medievais, zona Castronaturix e lapiceiros de mimbre, sendo realizado este último polo colectivo do CDR Medelo-Cogami. Os nenos poderán disfrutar este ano con outras actividades pedagóxicas, como son o espazo multixogo -para os máis pequenos-, circuito de tractores ou área sensorial para bebés.

En canto ás actividades multiaventura, a Romaría do Rapaz contará de novo ano cunha tirolina de grandes dimensións, con 100 metros de percorrido. Entre as novidades figuran un circuito de pontes, galería de tiro paintball, campo de archery, tiro con cerbatana, labirinto de gomas, slack-line, cama elástica, un hula hoop xigante e pesca de rodaballo. Entre os que repiten non faltarán, amais da gran tirolina, o rocódromo monolito e dúas bolas zorbing. Así mesmo, e ao igual que o ano pasado, os participantes poderán gozar de actividades acuáticas, entre as que destaca un tobogán xigante Río Bravo de 60 metros de longo. Neste apartado de inchables, a romaría contará este ano con outros catro espazos: Fantasía, Spiderman, Os Lunnis e Acuático Delfín. Respecto ás actividades deportivas, destacan as simultáneas de xadrez, o futbolín humano e, como novidades, un taboeiro xigante de xadrez e unha pista de baloncesto.

Durante toda a xornada celebraranse actividades musicais e de animación do recinto. Así, en Siador estará a Petit Caravane, unha caravana que ofrecerá pases de maxia de preto. Pola mañá haberá un espectáculo itinerante da Aula de Música da Bandeira e, xa pola tarde, o público poderá disfrutar co Cancioneiro de Cotobade, a cargo de Oradaladou (incluido no ano adicado á música da Deputación de Pontevedra), o desfile dos Músicos de Bremen e os títeres de Viravolta, co espectáculo Todos ao balcón.

Ademais, haberá unha caseta de información aberta durante toda a xornada na que se poderán mercar pulseras localizadoras e camisetas conmemorativas deste certame. Todo o recadado destinarase ao programa municipal Silleda Solidaria.

Non faltará nesta edición un dos clásicos da romaría como é o desfile de moda con traxes realizados a partir de material de refugallo no anfiteatro. Esta actividade está organizada polo Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda. Será nun espectáculo final con selo silledense, no que actuarán a Escola de Baile do grupo Xirandola e a Banda Xuvenil de Silleda.

Ana Luisa González Costa, concelleira de Cultura, agradeceu onte a participación a todos os que colaboran con "esta festa única, que de seguro volverá a encher de ilusión a moitos nenos". Foi durante a presentación desta edición da festa dos nenos, canda o alcalde, Manuel Cuíña, e personal técnico do seu departamento no que foi un dos seus últimos actos oficiais como membro da corporación local.

Dende o Concello tamén se fai un chamamento á colaboración dos asistentes á hora de aparcar -lémbrase que hai aparcamentos de balde no entorno do recinto- e respectar a sinalización en canto a circulación do tráfico na zona.

O recinto volverá contar con servizo de pulpeiro e bar. Haberá mesas e sillas a disposición das persoas e grupos que queiran xantar na carballeira do recinto durante a xornada.