Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Miguel Adrián Pazos Alonso: "Hoxe en día o director non ten que ser esa figura tan autoritaria"

"Creo que non se é moi consciente aínda da sorte que temos por ter un auditorio "

Miguel Adrián Pazos Alonso durante un concerto.

O estradense Miguel Adrián Pazos Alonso xa leva algo máis de dous anos dirixindo a Banda de Música Municipal de Agolada. Está inmerso na escola de música e na banda, que ademais das propias clases e dos concertos, aposta por diversas actividades para dinamizar á formación.

-Como define estes dous anos?

-Está sendo unha experiencia moi positiva e enriquecedora para min. Foron dous anos de moito traballo, dedicación e responsabilidade nos cales se apostou forte pola escola de música. Na banda renovouse instrumental, medrouse en número e tamén en canto ó nivel musical, programando moitos proxectos, os últimos incluso de certa esixencia e que sacamos adiante só con músicos propios da banda, cousa que me fai sentir tremendamente orgulloso deles. Todo isto é resultado do duro traballo da directiva, dos músicos e dos pais e nais, que son quen confían en nós e se sacrifican traendo ós nenos e nenas ós ensaios día tras día.

-A banda está continuamente re ralizando concertos e actividades, é esta a maneira de dinamizar a agrupación e incentivar ao alumnado?

-Si, creo que hoxe en día unha asociación como a nosa ó marxe das festas do verán, que seguen a ser fundamentais para nós, de feito considero un dos obxectivos a mellorar, aumentar o número de festas máis alá do concello de Agolada, debe ofertar unha programación anual con proxectos novidosos e ilusionantes tanto para os músicos como para o público. Ó mesmo tempo isto é moi motivante para os alumnos da escola, que ansían chegar canto antes a banda. Aínda recordo as caras de ilusión pola música que traían os alumnos/as de linguaxe musical tres días despois do concerto de reis A Gata con Zocos.

-Teñen xa algunha actividade cerrada de cara ao verán ou polo menos en mente?

-A principios de ano adoito ter definida a programación anual tanto da escola como da banda. Nas próximas semanas na escola teremos o festival de fin de curso que será o 23 de xuño, participaremos nun festival de bandas xuvenís que se celebra en Santiago de Compostela, o 30, 31 de xullo e 1 e 2 de agosto realizaremos o II Campamento Musical da escola, e xa no mes de setembro temos idea de realizar un cursos instrumentais. Na banda vimos de facer a II Andaina musical, que volveu ter gran éxito, e ademais das festas e festivais que xurdan no verán, o 12 de agosto celebraremos o IV Festival Marcos Areán. A finais de verán queremos realizar un concerto man a man, para outubro estamos ultimando un programa con un recoñecido solista e despois viría a Santa Icía. E como adianto para o concerto de Reis a idea é realizar un concerto de bandas sonoras, de Disney posiblemente. Como ves non hai tempo para aburrirse!

-Canto alumnado hai na escola de música? E na banda?

-O número de matrículas da escola incrementouse moito no primeiro ano, xa que se pasou dunhas vinte matrículas a sesenta, este ano fixéronse sobre oitenta matrículas. Pero queremos continuar medrando, polo tanto aproveito a ocasión, agora que se abriu o prazo de matrículas do próximo curso, para animar a todos os nenos/as e ós xa non tan nenos a que se inscriban na escola. A plantilla da banda a día de hoxe está formada por corenta músicos, esta cifra verase incrementada pronto porque xa están comezando a chegar os alumnos/as da escola.

-Qué é o que máis lle inculca aos seus músicos?

-No aspecto musical trato de ser esixente e de inculcar que é preferible calidade a cantidade, mellor dúas notas con calidade a duascentas tocadas de calquera maneira. Pero para min máis importante incluso que o aspecto musical, son os valores, por iso trato de transmitirlles e de ensinarlles valores tan importantes como a humildade, compañeirismo, educación, compromiso, puntualidade, esforzo (admiro moito a xente constante e perseverante nas súas metas)? que o que aprendan na escola de música lles sirva no futuro, tanto si se dedican a música profesionalmente coma senón.

-Como é a relación entre o director e os músicos?

-Intento ser cercano e axudarlles ós músicos en todo o que estea nas miñas mans, penso que é parte da labor dun director. Non creo que hoxe en día o director teña que ser esa figura tan autoritaria como se coñecía no pasado? Iso si, tanto a disciplina como a liña do respecto ten que estar sempre clara, e se é preciso non me costa recordalo.

-Supoño que vostede tamén aprende moito deles?

-Coñecéndome, creo que nunca deixarei de aprender e de absorber de toda a xente que me atopo non só no mundo da música, senón no día a día. O día que considere que o sei todo terei un problema. Aínda que sexa unha persoa que adoito ter moi pensadas e claras as miñas ideas, sempre agradezo coñecer outros puntos de vista, unha vez xa na miña casa valóroos, si me convencen non teño problema en rectificar e senón pois descártoos.

-A que se debe que a banda de Agolada estea formada principalmente por xente nova?

-Como todo na vida, a banda está continuamente rexuvenecéndose. Mostra dilo é que nos 25 anos de historia que acaba de cumprir recentemente a formación tan só un músico dos que comezaron naquela época segue en activo no traballo diario da banda. Pero todo ten o seu lado positivo, para min poder traballar, facer música con xente tan nova e sentir a enerxía que transmiten é marabilloso, así como ver como evoluciona e progresa o grupo? Por iso me sinto un afortunado, e espero que esta ilusión e paixón polo que fago non se me acabe nunca.

-Vostede que é da Estrada e vía Agolada con certa distancia, pode afirmar agora que Agolada é un pobo cunha importante tradición musical?

-Sen ningunha dúbida. Tiña constancia, xa que é máis que recoñecida a importante actividade musical que hai en Agolada, da cal a banda de música pode ser a súa cabeza máis visible. Pero tamén me gustaría salientar o gran nivel da súa Coral Polifónica e o do Bico da Balouta e as súas pandereteiras e grupo de baile. Eles tamén contribúen en gran medida a esta tradición musical.

-O auditorio é un aliciente fundamental?

-Si claro, tiven a sorte de que se estreou xusto cando eu cheguei, e ter un auditorio así permítenos sacar adiante toda a programación da que lle falaba antes e que ofertamos dende a escola e a banda de música. Creo que non se é moi consciente aínda da sorte que temos no pobo por poder desfrutar dun auditorio como o que temos en Agolada, estou seguro de que en calquera localidade cunha asociación como a nosa firmarían poder ter un igual.

Compartir el artículo

stats