Silleda ten 8.698 habitantes, segundo o último padrón municipal publicado polo Instituto Nacional de Estadística. Pois o equivalente a máis de un de cada dez veciños forma parte dunha comunidade dixital creada o venres e que onte á tardiña xa se achegaba ao milleiro de membros. Claro que non todos eles son residentes en Trasdeza, senón que tamén os hai na diáspora, como o propio fundador, Xosé Filloy González, quen, curiosamente, vive coa súa dona e as súas dúas fillas nun dos puntos do planeta máis alonxados destas latitudes, Nova Zelandia. Quizais por iso.

O Grupo dos Veciños do Trasdeza en Facebook foi pensado para que "todos aqueles que nacimos, medramos, fomos á escola, traballamos ou vivimos nalgún momento no concello de Silleda poidamos conectar entre nós para compartirmos información, ideas e proxectos sempre dun xeito positivo e construtivo", expón Filloy. "Tanto ten que sexas trasdezao de toda a vida, que xa non vivas alí ou mesmo que sexas un recén chegado, o importante é que teñas algo que compartir connosco e que te animes a facelo; vender, mercar, buscar ou ofrecer traballo, anunciar actividades, pedir información de consumo, discutir incidencias locais... o que sexa que queiras compartir cos teus veciños", engade o administrador.

En realidade, a idea é utilizar as novas tecnoloxías en beneficio da comunidade, unha práctica moi extendida nas nosas Antípodas e á que lle sacan "moito partido", tal como apunta o propio Filloy. A idea é tan sinxela como recuperar unha tradición ancestral de moitos pobos e, sobre todo, das aldeas. Iso sí, para evitar saturacións, hai unhas normas que os membros da comunidade dixital deben seguir, pero que "tampouco son ríxidas, senón que se poden cambiar ou adaptar ás necesidades que vaian xurdindo". Unha das pautas a ter en conta é que os anuncios están limitados ao territorio municipal de Silleda. E, por suposto, só poden ser membros persoas reais, "perfís que representen organizacións ou negocios non poderán formar parte del".