Onte pola mañá a feira trasdezá acolleu nove concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel).

Nalgúns dos certames os exemplares gañadores proceden do norte da provincia, onde se enmarcan Deza e Tabeirós-Montes. Así, no sexto campeonato de Galiña de Mos, o mellor lote é propiedade de Lourdes Mulet, de Lalín, que tamén quedou segunda na categoría de exemplares. En lotes clasificáronse en segundo e terceiro posto Óscar Miranda, de Castro de Rei, e José Luis Freire, de Pol. En canto a exemplares, o primeiro premio recaeu nun animal de José Zapata, de Castro de Rei, e o terceiro foi para Álvaro Rodríguez, de Mos.

12

Arranca la 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia

A calidade dos animais lalinenses tamén deixou pegada no III Concurso Morfolóxico de Porco Celta. Acudiron 56 exemplares de 27 ganderías. Na categoría de femias gañou unha porca de Isabel Rodríguez, seguida por unha de José Barreiro (de Cospeito) e outra de Francisco Oca (de Viveiro). En machos impuxéronse, por esta orde, un porco de Fraga do Couto, de Vilalba; de Antonio Díaz, de Friol; e de Dolores Eiras, de Castro de Rei. En recría, o vencedor é un exemplar de José Vega, de Castro de Rei tamén, seguido dun animal de David Martínez, de Piñor, e doutro de Carmen Novío, de Outes.

O Porco Celta celebrará este domingo o seu segundo Concurso de Manexo, no que os concursantes teñen que dirixir un exemplar por un percorrido determinado no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo. Ao final, o gandeiro tentará subir ao animal a un remolque, pero non queda descualificado se non o consegue.

Nos concursos de exemplares bovinos, houbo 42 reses de 20 ganderías en cinco concursos morfolóxicos. No VIII da raza cachena gañou Solfa, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira, secundada por Tarrina, de Cachenas de Pantón, e Cabra, de Marcos Vázquez, de Ourol. O certame de vianesa celebrou onte a sétima edición e subiu ao podio a Visa, de María Concepción Gómez, de Maceda; Pala II, de Gandería Cimadevila, de Montederramo; e Vitorina, de Gandería Martelo, de Outes.

En canto ao sexto certame de raza caldelá, os tres primeiros postos recaeron en Colosa, de Juan Manuel Lage, de Maceda; Tina, de Roberto Louzán, de Cerdedo-Cotobade, e Centea, de José González, de Maceda. Pola súa banda, no quinto concurso de raza limiá, a campioa foi Laga, de Lisardo López, de Baltar;mentres que Rubia, de Jesús Pardal, de Rois, quedou segunda, e Lixeira, tamén de Lisardo López, acadou o terceiro posto. Por último, o terceiro concurso de frieiresa escolleu como mellores reses a Finlandia, de Gandería Armental, de Begonte; Xaquira, do citado Roberto Louzán; e Fenicia, de Isidro Peleteiro, de Cerdedo-Cotobade.

Ovella e cabra galegas

Este ano na Semana Verde celebráronse dous concursos novos, os referentes á ovella galega e á cabra galega. En ovella galega houbo que escoller entre 28 animais. En machos gañou un exemplar propiedade de Luis Fernández, deRiotorto, quen tamén acadou o segundo premio en femias con outra res. O segundo e terceiro posto de machos recaeron en animais de Ovidio Rojo, de Monterroso (gañou o primeiro posto en femias) e de Manuel Teijero, de Xinzo de Limia, quen tamén levou o terceiro posto en femias.

En canto á cabra galega, acudiron a este primeiro certame 25 animais. Os premios repartíronse entre animais de José Antonio Liñares, de Val do Dubra, que conseguiu os primeiros postos en machos e femias; de Granxa Teixeiro e Pistón, de Becerreá, co segundo e terceiro posto de femias; de Jaime Fernández, de Cerdido, co seguno en machos; e de Ovidio Rojo,de Monterroso, co terceiro en machos.

Estes certames celébranse ao amparo do conveni que tén asinado a Consellería de Medio Rural coa Fundación Semana Verde de Galicia para promocionar estas razas. A súa presenza no certame tamén adoita converterse nun reclamo tanto para os visitantes da feira como para as persosas vinculadas ao agro que están barallando a alternativa de diversificar a súa actividade gandeira.