Damos con Xoan Sanmartín de camiño a Niza para participar nun encontro de cardiólogos. Na súa viaxe o estradense leva fresco o seu recordo do Mundial de Triatlón de Pontevedra, una cita especial para un home que nos últimos dez años xa disputou sete Ironman. A Sanmartín, cardiólogo intervencionista no hospital de Santiago, aínda lle queda tempo para outra das súas afeccións, os ralis. É tan bo momento como calquera outro para coñecer un pouco máis da vida dun home tan incansable como inspirador.

- Fai unhas semanas disputou vostede o Campionato do Mundo de Triatlón en Pontevedra, como lle foi?

-Bastante ben. A verdade é que había nivel, sobre todo entre os élites.Por detrás estabamos os grupos de idades. Hai que ter en conta que aquí había xente chegada desde Estados Unidos a Xapón. Esa xente, se ven ata aquí, é porque anda moi ben. Eu acabei de cincuenta da miña clase e o 354 da clasificación xeral. En total éramos uns 800 atletas. Eu compito la categoría de 45 a 49 anos. Agora xa me toca cos puretas porque xa teño 48.

-Como valora a experiencia?

-O triatlón estaba moi ben organizado. O único problema foi na auga. Tiveron que cortar á metade os metros por culpa da temperatura. Estaba tan baixa que tiveron que cortala por culpa do perigo de hipotermia. De feito houbo tres participantes que tiveron que ir para Montecelo con hipotermia. Polo demais, o circuíto era duro, con bastante desnivel no sector de bicicleta, ademais do aire, que sempre molestaba. A carreira a pé foi espectacular. Pontevedra volcouse co Mundial. Había una grande cantidade de xente na zona vella animando. Foi moi divertido.

-É a primeira vez que participa nun Mundial de Triatlón?

-É a primeira vez que compito en Pontevedra pero non é o meu primeiro Mundial. Sobre esta mesma distancia xa disputei un en Vitoria xa fai anos. Esta sen embargo era especial ao ser en Galicia e quería repetir.

-Vostede xa ten moita experiencia nisto do triatlón. Cando comezou a practicalo?

-Pois fai once anos xa. Empecei un pouco de vello porque a idade á que se soe empezar e aos vinte e poucos. Daquela había moita cultura de triatlón no País Vasco. Eu corría e andaba moito en bicicleta. Houbo amigos de alí que me animaron a probar no triatlón. Empecei un pouco por curiosidade e probándome tamén na natación. Ao final decidín estrearme nun triatlón que hai alí en Francia sobre una distancia olímpica. A partir de aí fixen o de Zarautz, un media distancia que hai alí moi famoso e moi duro. O seguinte paso foron so Ironman. O primeiro que corrín foi en Calella en Barcelona, xa fai nove ou dez anos. A partir de aí xa non parei.

-Cantos Ironman fixo desde aquela ata hoxe?

-Pois levo sete. Fixen Calella, Niza, Lanzarote, Vichy, Castellón, Austria e As Pontes, o de casa, un Ironman que está moi ben organizado e que xa colleu fama entre os atletas. Despois fixen tres larga distancia, que é un pouco menos de recorrido.

-Comezar nalgo así con esa idade parece ter un claro compoñente de reto persoal?

-Si, pero o máis importante de todo isto é o adestramento. É o día a día. A proba é a motivación para seguir preparándote pero o máis importante é ter a forza para adestrar todos os días. Senón isto non ten sentido. Hai que desfrutar andando na bici, ou nadando na piscina con amigos. Nunca vamos a vivir disto nin vamos a ser bos. Hai que desfrutar do camiño. Despois, o día da proba, é un día de festa. É un día para pasalo en grande. Esa é a filosofía coa que empecei e coa que sigo aquí.

-Segue adestrando e preparando novos retos?

-Despois do Ironman de Austria estiven lesionado, cun problema de cadeira. Nese momento tiven que parar un pouco. Cando levas uns anos correndo nestas distancias tes que poñer o corpo un pouco ao barbeito. Hai que baixar o ritmo de vez en cando e recuperar forzas. Iso é algo que ven ben. Agora xa estou de novo adestrando a tope. A idea é facer este ano e facer tres distancia medio ironman e ao final deste ano ou pode que a comezos do que ven, farei outro Ironman.

-Se o chega a coller esta afección un pouco máis mozo quen o vería?

-Iso nunca se sabe. Igual comezas mozo e quéimaste rápido. Eu coñezo xente que empezou mozo pero que o deixou e non quere saber nada de sufrir nestas distancias.

-Antes de meterse nisto xa competía noutros deportes?

-Non, que va. Recordo que fai vinte anos, cando cheguei a San Sebastián, fixera a famosa Beovi-San Sebastián, a media maratón. Despois fixera bastantes probas cicloturistas coa cuadrilla que tiña alí no País Vasco pero competir así non. Agora tampouco se pode dicir que compita. Compito contra min mesmo. Non teño o nivel nin a teima de competir contra outros.

-Ten sen embargo outra faceta dentro de mundo do deporte, neste caso no motor. Como vai esa afección?

-Ben. Aí sigo o que pasa é que decidín deixar a Montaña e metinme no mundo dos ralis. Este ano xa fixen un rali en Asturias coa estrutura de Óscar Palacios, un home que xa gañou varios campionatos asturianos. El alúgame o coche. Quería facer algún rali máis este ano, aínda que non sei se aquí ou en Asturias. Tres ou catro ralis ao ano quero seguir facendo.

-Neste caso, tamén lle ven de fai pouco ou é un afección que ten desde novo?

-O dos coches xa é desde moi novo. Cando tiven as posibilidades económicas para poder correr lanceime. Xa foi sen embargo con trinta anos. Todo me ven de vello. Neste caso empecei en Asturias. Despois decidín disputar o Campionato de España de Montaña cunha barqueta. Incluso corrín un par de veces a Subida á Estrada. Nunha delas quedei no podio e noutra dinme un golpe contra un garda raíl. Tiven un pouco de todo. Cando vin de novo para Galicia disputei catro ou cinco probas do Campionato Galego de Montaña, tamén cunha barqueta. Agora decidín cambiar de rexistro e probar os ralis. Quería cambiar un pouco e, de momento, gustoume. Córrese moito máis. Na Montaña é a sprint e nun rali enredas todo o día. É un rexistro diferente. Os primeiros corrinos fai tres anos cun prototipo que fixo Bango. Corrín varias probas no País Vasco. Xa no ano pasado corrín con Óscar un Ralisprint.

-De onde saca tempo para todo?

-Hai tempo. Se te organizas ben das atendido a todo. O que non se pode estar é todo o día no sofá ou no bar.

-Compaxina ademais estas afeccións deportivas cunha profesión, a de cardiólogo, que tamén lle roubará o seu tempo?

-A profesión leva tempo. Ademais do tempo que pasas traballando no hospital, que é o que a xente ve, tamén necesitas tempo de estudo. Tes que manterte ao día constantemente. A formación continua é fundamental porque a medicina avanza moi rápido.