As razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción terán, un ano máis, o seu espazo na 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e o 23º Salón de Alimentación (Salimat), que se celebran de forma paralela entre o 6 e o 9 de xuño. Nesta programación, que se enmarca no convenio entre a Consellería do Medio Rural e a Fundación Semana Verde de Galicia para a promoción destas razas, destacarán os concursos morfolóxicos. Haberá dúas novidades, xa que as razas ovella galega e cabra galega celebrarán por primeira vez esta competición na que se escolle aos mellores machos e femias entre exemplares maiores de dous anos.

Estes concursos, ao igual que o da Galiña de Mos e as razas bovinas estarán organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) xunto coas asociacións integradas e os seus criadores. En canto á Galiña de Mos, terá lugar o 6º Campionato Galego, no cal se inclúe a 5ª edición de A Galiña de Mos e os seus Poliños, o XII Concurso Monográfico e a 8ª Exposición e Concurso por Lotes. Das bovinas celebraranse o oitavo Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o sétimo da vianesa, sexto da caldelá, quinto da limiá e terceiro da frieiresa. Amais, levaranse a cabo outros dous concursos morfolóxicos: O do Cabalo de Pura Raza Galega, da man da Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), e o terceiro do Porco Celta, organizado pola asociación de criadores Asoporcel, que tamén desenvolverá a segunda edición do nacional de manexo.

Por outra banda, haberá exposición de todas as razas e un mercado de aves vivas de galiña de Mos. A elas sumaranse actividades ecuestres da asociación de cabalo galego, como unha exhibición de ximnasia acrobática sobre cabalos, unha clase práctica sobre tratamentos dentais e unha exhibición de doma de alta escola, doma clásica e monta antiga á amazona.

Salimat Abanca acollerá de forma paralela actividades centradas nestas razas. Por primeira vez realizaranse distintas presentacións de marcas comerciais de varios produtores, que as darán a coñecer co obxectivo de diferenciarse e impulsar o crecemento das súas explotacións a través dunha imaxe de marca individualizada e máis profesional.

Degustacións

Cachenas de Pantón presentará a súa cunha degustación de cachena guisada; Jamones González, con presa de porco celta eco á antiga cociñada por Pablo Pardo; O Agro, con minihamburguesas 100% caldelá; A Granxa de Lola, cunha elaboración do chef Álex, do restaurante Muiñada de Barosa; Embutidos Hermelindo, con cabeza de porco celta rechea de verduras da horta de Mondoñedo elaborada por Bruno Pena; Gandería Tras do Río presentará as súas cachenas, galiñas de Mos e cabalo galego; Tres Fuciños, cun showcooking de man de Fran Sotelino; Granxa Aeiroá destaca a súa "produción artesá con respecto e orgullo polo noso"; Cachenas de San Breixo, co seu "pracer polo natural"; Chousa do Lea, cunha degustación de ovos de galiña de Mos sobre cremoso de tubérculo e raiadura de fungos; e Pastos do Enxilde, coas runhas da Costa da Morte, hamburguesas de xamón de porco celta con fariña de castaña.

O público tamén poderá degustar as razas a través dun menú de catro tapas que variará cada día e que incluirá elaboracións tan atractiva como Carbonara flamande de tenreira cachena e vianesa, albóndegas 100% tenreira de frieiresa, croquetas de ovos fritidos de raza galiña de Mos con chourizo de porco celta ou minihamburguesas 100% cordeiro de ovella galega con salsa de castaña. Será no restaurante Tapirazas, co cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do restaurante Andarubel-Fragas do Eume.

O salón contará de novo co espazo De Nós para Vós, centrado na venda dos produtos das razas autóctonas en perigo. Catorce produtores presentarán carne e produtos derivados. Será coas marcas Ganadería Balín, Cachenas de Pantón, Cachenas de San Breixo, Gandería e Carnicería Lage, Gandería Tras do Río, Castro de Madrosende, Aves do Concello, Chousa do Lea, Gacarli, Granxa Aeiroá, A Granxa de Lola, Cruz Grille, Granxa Teixeiro e Pistón e O Agro.