A gran familia dos Veteranos do F.C. Berres encheu esta fin de semana de morriña aos galegos de Bilbao. Sucedeu na viaxe que realizaron ao País Vasco para festexar o seu recente ascenso a Primeira División da Liga de Veteranos de Santiago selando a súa irmandade co centenario C.D. Galdakao de Mendeurrena, unha localidade próxima a Bilbao.

A iniciativa -xurdida dos contactos que o adestrador e presidene do Berres, José Luis Seijas, tén con varios integrantes do citado clube vasco- incluía un partido cos veteranos do Galdakao pero tamén unha axenda turística.

Esta arrincou cunha visita dos Veteranos do Berres a San Mamés, o estadio do Athletic Club de Bilbao, onde os estradenses se inmortalizaron con bandeiras da Estrada, Galicia e do F.C. Berres. Logo de acomodarse no hotel, a expedición local -formada por catorce dos vintedous xogadores do Veteranos do Berres, familiares e afeccionados- quixo coñecer a noite de Bilbao, prestando especial atención ao tapeo.

Ao día seguinte, visitaron a feira de Bermeo na que tamén puideron disfrutar de actuacións de música tradicional vasca e de tapas propiamente bilbaínas antes de dirixirse para comer ao asador Cannon, local de espectaculares vistas e propiedade dun galego. Este recibiunos facendo soar o himno de Galicia, ante o que os moitos comensais que abarrotaban o local se puxeron en pé. Moitos galegos que alí estaban non puideron evitar emocionarse. Bágoas de morriña brotaron dos seus ollos. Tras degustar marmitako, churrasco e un postre vasco, visitaron a espectacular ermida de San Juan de Gaztelugatxe e o casco vello de Bilbao.

Retiráronse axiña. Ao día seguinte madrugaban. Tocáballes xogar un amistoso cos Veteranos do Galdakao, un equipo que chegou a estar en Segunda División B. Os seus veteranos viñan de xogar un triangular co Real Madrid B de Veteranos e o Sevilla. Era un equipo forte nun campo "espectacular". Os estradenses tiveron as súas oportunidades, que frustrou o largueiro, nun partido moi complicado no que deron e cara pero os locais gañaron 3-0 cun gol marcado no último minuto. Logo selaron a súa irmandade. Despregaron as bandeiras locais e intercambiáronse agasallos. Os da Estrada entregáronlles un exemplar de A Estrada Rural de Reimóndez Portela e unha réplica en miniatura do concello. Logo confraternizaron nun almorzo e os Veteranos do Galdakao prometeron devolverlle a visita en 2020.