Cada Correlingua remata dun xeito simbólico. Tódalas miradas están fixas no ceo, vendo como os desexos de futuro para a lingua son espallados polo vento. Así sucedeu onte. O ceo azul foi o lenzo sobre o que destacaron os grandes globos de cores que cada un de centros educativos que se sumaron a esta nova edición da marcha en favor do galego ceibaron dende a Praza da Feira da Estrada. Alí, uns 1.700 alumnos da Estrada, Forcarei e Silleda berraron xuntos o lema deste ano: O galego é a fórmula. Todos eles cumpriron con esta declaración de principios: a forza dos tempos novos máis a conciencia e o amor pola lingua propia, igual a futuro para o galego.

O tempo acompañou desta volta á celebración. "Estamos moi contentos pola participación, unha vez máis, de tódolos centros públicos do concello e dos centros de Secundaria de Silleda e Forcarei que aproveitan este día para pór en valor o uso da nosa lingua", explicou Xosé Manuel Nogueira, integrante de CIG-Ensino e organizador da actividade. Lembrou que o Correlingua ten xa unha traxectoria de 18 anos e subliñou que A Estrada participou en case tódalas convocatorias.

Os participantes -os colexios Cabada Vázquez, Manuel Villar Paramá, O Foxo, Figueiroa, Pérez Viondi e Oca así como os IES Número 1, Antón Losada Diéguez e Manuel García Barros da Estrada; o Chano Piñeiro de Forcarei e o Pintor Colmeiro de Silleda- concentráronse na Praza da Feira ás 10.45 horas. Este ano foron os alumnos de Codeseda os que abriron a marcha polas principais rúas da Estrada. Despois de percorrer a vila amosando aos cidadáns que o galego é a fórmula e eles o elemento, os alumnos voltaron á Feira para comezala súa particular festa anual do idioma, que acostuma a facerse coincidir en datas coa conmemoración das Letras Galegas. O acto estivo presentado por Isabel Risco e, trala lectura do habitual manifesto, contou coa actuación do grupo Paulinha. Minutos antes das 13.00 horas produciuse a tradicional solta de globos que pon o broche cada ano no ceo estradense ao Correlingua.

Temos química coa nosa lingua foi o título do manifesto gañador da presente edición do Correlingua. Neste 2019 os alumnos de cuarto da ESO do IES de Carral gañaron o concurso cun texto que integra os elementos da táboa periódica coas reivindicacións en favor do uso do idioma por todas as persoas e en tódolos contextos. O xurado escolleu como gañador este texto ao considerar que desenvolve tanto na forma como no contido a esencia do lema do Correlingua 2019 - O galego é a fórmula- referido á necesidade de que o galego teña presenza en todas as materias do ensino, tamén nas do ámbito científico. " O galego é a fórmula! A fórmula é o galego! Nós somos o elemento". Foi o berro unánime do Correlingua deste ano. Nas rúas da Estrada, futuro e galego amosaron ser compoñentes dunha fórmula maxistral. Dunha fórmula perfecta.