Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Auga, pedra e palabras para un bo paseo

O Roteiro Literario de Parada cumpre 11 anos e conmemora o Día das Letras con 18 textos

Dous textos na Fonte dos Buxos, unha das paradas da Ruta da Auga. // Bernabé/Javier Lalín

Dende 2009, a Asociación de Veciños de Parada, en Silleda, conmemora dun xeito especial o Día das Letras Galegas, colocando poemas ou fragmentos da obra do escritor ou escritora homenaxeado nas fontes e lavadoiros que compoñen a Ruta da Auga. Estes enclaves tamén locen textos propostos polos veciños e colaborares e, incluso, creacións propias de todos os que desexan participar nesta singular homenaxe ao idioma.

Coma sempre, dende o pasado dia 17 e ata o 31 deste mes estas construccións restauradas permiten a veciños e visitantes deterse un pouquiño máis do habitual para contemplar non só o xogo que dan a auga e a pedra, senón tamén a maxia da palabra. Incluso algún se anima a ler estes textos en voz alta, porque así sempre da a sensación de que un os vai lembrar por máis tempo. Os textos deste ano chegaron de autores ou afeccionados de todas partes de Galicia. Son uns 20 textos, entre os que aparece un poema en galego de Federico García Lorca (está no lavadoiro de Parada), un texto de Antón Fraguas, o galardado nas Letras Galegas deste ano (na fonte de Redemuíños) ou o conto Lorcho barqueiro. Este é un relato para nenos da Asociación de Veciños de Berres, no que se recolle a historia do barqueiro que cruzaba a xente polo río nesta localidade estradense. O texto pódese ler na Fonte do Piollo, e esta ubicación non é casual, porque en dito enclave intentaban curarse, antano, os nenos que padecían a enfermidade coñecida como "asombro" por estas terras.

Non é a única actividade que a veciñanza de Parada pón en marcha para disfrutar da súa Ruta da Auga, homologada pola Federación Galega de Montañismo. Este sábado, día 25, festexa a súa Ruada en Parada, que comeza ás 18.00 horas. O percorrido musical será por todos os lavadoiros que forman parte desta ruta de sendeirismo, e está aberto a todas as persoas e grupos que desexen participar, de maneira que non é necesario inscribirse de maneira previa. Polo de agora, a organización xa conta con músicos de cinco grupos confirmados, procedentes de Botos, Vilatuxe ou O Irixo, entre outras localidades. As actuacions durarán entre unha hora e hora e media, e ao seu remate está prevista unha merenda para todos os asistentes, na Casa da Escola. Será, sen lugar a dúbidas, unha ocasión para que o camiñante se convenza de que a auga e a pedra, cando se xuntan, xa soan a música.

Compartir el artículo

stats