Reivindicar o uso da nosa lingua debería ser un deber os 365 días do ano, pero precisamente, o 17 de maio celébrase esta data para facer maior fincapé nesta loita por darlle o seu lugar. A capital dezana continúa celebrando este día e faino con música e con teatro. Onte celebrou o III Serán das Letras Galegas e tamén acolleu o espectáculo Teatro á Feira, da Cova das Letras.

Nesta función da Cova das Letras aparecen seis personaxes que con seus contos e cantos fixeron voar a imaxinación dos asistentes á feira do 18 de Lalín. É un espectáculo de rúa que ten por fin recuperar as figuras tradicionais da cultura popular e das personaxes da feira. É unha iniciativa pensada tanto para espazos exteriores coma interiores e unha das súas máximas é a posta en valor do patrimonio, tanto material como inmaterial de Galicia. Desta volta e debido ao tempo tivo que representarse baixo a carpa da Praza da Igrexa.

A música tomou o relevo pola tarde coa celebración do III Serán das Letras Galegas, que estivo presentado por Celso Fernández Sanmartín. Polo escenario pasaron as pandereteiras de Zobra, Ailola, as dos Trasnos de Doade, da Carballeira de Cercio, de Ponte da Prata de Botos, dos Dezas de Moneixas, As Maruxeiras de Vilatuxe e as de Carballo da Manteiga. Este evento foi posto en marcha pola concellería de Cultura e nace como colofón á Semana das Letras Galegas e como homenaxe a nosa lingua e a nosas tradicións. A intención da concellería é que perdure no tempo. Ao igual que en anos anteriores fíxose a entrega da Pandeira de Honra, que nesta edición, recaeu en Os Dezas de Moneixas. Tras o acto, houbo unha foliada.

A festa continúa hoxe

A música na honra ás Letras Galegas seguirá hoxe. A carpa da Praza da Igrexa albergará ás 20:30 horas un concerto a cargo da Banda de Vilatuxe, para poñer fin a estas xornadas dedicadas a idioma de todos os galegos.