Como cada primeiro sábado do mes de xuño, no Mosteiro de Carboeiro e o seu entorno hai unha cita case obrigatoria, xa que se converte no escenario dos Encontros de Música Tradicional, que este ano celebra a súa vixésima edición. Esta festa anual desenvólvese desde hai dúas décadas gracias ao traballo voluntario da Asociación Intercultural Santa Ferreña e centos de persoas que aportan o mellor de si. Este ano quixeron celebrar a efeméride cun cartel moi festivo, coa Santa Ferreña presidindo unha mesa chea de delicias culinarias, espirituosas e, por suposto, musicais. "Unha cea que, malia a semellanza co cadro de Leonardo da Vinci, nin será a última nin é tan austera, pois ben se ven a fartura e a alegría que enchen e arrodean a mesa", sinala a organización.

O programa comezará como de costume con sesión vermú e este ano xa desde as 12:30 horas arrancará o ambiente festivo. A continuación, terá lugar a procesión da Santa Ferreña acompañada polos papamoscas de Viravolta. Antes terá lugar a disputada poxa das andas, cada ano máis cotizadas. Como novidade, este ano celebrarase un Clamor e a cerimonia solemne cos oficios correspondentes, contando coa presenza da xa coñecida coca.

Actividades para todos

Como cada edición, os asistentes poderán visitar durante todo o día unha exposición centrada na cultura popular tradicional. Este ano, gracias ao Museo do Pobo Galego, poderase ver un petisco da que se estará a mostrar ao mesmo tempo no Museo, con pezas do arquivo de Gustav Henningsen. Son algunhas das obras da mostra Galicia Máxica. Romarías e Santuarios: Fotografías etnográficas 1965-1968, que recolle imaxes dos santuarios galegos e os seus devotos. O público poderá achegarse a ritos como romarías, peregrinacións, exvotos, rituais máxicos e curativos que se espallan por todo o país. Henningsen veu a Galicia no ano 65 para estudar as crenzas na bruxaría, e percorreu as catro provincias e a zona occidental de Asturias ao longo de 20 meses. A mostra contará, un ano máis, coa presenza dos monicreques de Viravolta.

Despois, como marca a tradición, haberá un xantar popular que ofrece empanada, carne ao caldeiro, sobremesa, pan, viño ou auga e café "con gotas" por un prezo de 16 euros por persoa. Tamén haberá unha feira de artesanía con instrumentos tradicionais, coiro, abelorios, xoguetes, cerámica, títeres... Pola tarde, os asistentes poderán gozar de xogos tradicionais con Xandobela. Eira Xandobela é unha ludoteca itinerante con xogos para todas as idades elaborados artesanalmente e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos.

Coma sempre, o programa dos Encontros céntrase en encontrarse e compartir. No patio do mosteiro atoparase o Recuncho de tocar para todos os músicos que queiran botar unhas pezas nun espazo recollido. Pola tarde, Celso Fernández Sanmartín, contador lalinense que leva anos investigando a tradición oral, achega unha sesión de contos baixo o título Santa Paciencia, que será na capela do cenobio. Como cada ano, acompañarán ás xeracións máis novas experimentados tocadores e bailadores de Mondariz, Tordoia, Asados, Zobra, Arzúa ou Muíño de Zas. E xa cara a noite seguirá a foliada.

A Asociación Intercultural Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro insiste en que esta festa é posible gracias ao traballo desinteresado de moita xente e agradece a colaboración de todos os asistentes. Para sufragar os gastos desta cita tan importante coa música e a cultura tradicionais nunha paraxe única, a asociación organizadora conta coa propia cantina instalada na xornada da festa e cunha pequena achega do Concello de Silleda, así que o colectivo convida a colaborar a quen queira manter viva a festa, baixo o lema: Viva xuventude e a xente vella que non morra! Ademais, a Santa Ferreña remarca a importancia do respecto pola festa tal e como é "sen viren ao caso picadiscos espontáneos ou xeradores eléctricos para desenvolver outro tipo de festas".