Os candidatos de Silleda á Alcaldía contestan as preguntas de FARO: Julio Ramos Valiñas, de Coalición de Centro Democrático.

Por que está vostede en política?

A democracia esixe participación cidadá. Non son político, son un cidadán máis, que está canso de oír, ver e calar, decidinme por non acalar máis o que precisa dar voz.

Por que deberían votalo os seus veciños?

O noso pobo carece dunha xestión municipal igualitaria. Un bo xestor municipal sempre está do lado dos cidadáns, endexamais por encima deles.

Onde se ve vostede despois do 26-M?

Despois das eleccións de maio, véxome coas mesmas ideas. Podo mudar de sitio, pero endexamais de ideas. Se os cidadáns cren no sentido común, precisarei de moita enerxía para mudar as políticas partidistas.

Por onde pasa o futuro do seu concello?

O futuro de Silleda pasa por unha nova lexislación social, económica e municipal. Non se trata de investir máis, senon de investir mellor.