A falta de inauguración oficial dada a proximidade dos comicios municipais, a recén ampliada alameda da Estrada estreouse onte como gran espazo público de actividades culturais, festivas e lúdicas co pregón da escritora Rosario Golmar e a ofrenda floral ante o monolito dos irmáns Valladares. Unha choiva miudiña que obrigou a abrir os paraugas por veces foi a auga bendita que bautizou os remodelados xardíns municipais.

Na "nova e vizosa alameda" á que aludiu o alcalde Xosé López Campos déronse cita numerosos veciños e personalidades da vida social, cultural, económica e política do concello. Tanto a pregoeira, Rosario Golmar, como o rexedor gabaron as calidades de Antón Fraguas e de tantos homes de inxente legado moral e intelectual que viron truncadas as súas lexítimas aspiracións de liberdade e de aposta polo idioma pola guerra e a represión. A pregoeira salientou a súa sinxeleza e o seu afán por recoller e poñer en valor patrimonio material e inmaterial de numerosas zonas de Galicia como Tabeirós-Montes e Deza. O alcalde salientou o seu labor na cátedra do instituto da Estrada e o seu papel de fundador do Museo do Pobo Galego.

Tamén A Fervenza de Ouzande celebrou onte a súa XIV Ruta das Letras e Vagalumes, o Roteiro Fraguas entre A Mámoa do Arnado e Ribela e un acto cultural de presentación do especial de Antonio Fraguas de Sermos Galiza. Ao peche desta edición, agardábase o inicio do concerto de Xabier Díaz&Adufeiras de Salitre na Praza do Concello.